Cargando....
Concello de Lugo
30/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo anuncia 11 novos empregados dentro do Plan PILES deste ano


# Xoves, 25/06/2009
O PILES recolle a contratación de 31 persoas para o 2009 encargadas de mellorar e manter os espazos públicos do Concello

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo presentou esta mañá a terceira convocatoria do Plan PILES que este ano recollía a contratación de 20 empregados aos que se sumarán 11 novos contratos anunciados hoxe. O Alcalde referiuse así ao esforzo levado a cabo polo Concello de Lugo “nun dos temas que máis nos preocupa, como é o tema do paro”.

O Plan pretende reactivar o mercado laboral, ao tempo que se contribúe na mellora e mantemento da cidade e do seu contorno, tanto no centro, como nos barrios e na zona rural.

O proxecto é unha das iniciativas postas en marcha polo Concello de Lugo dentro do esforzo que está realizando para que os efectos da crise sexan menores. Así, López Orozco explicou que o Plan PILES (Plan de Inserción Laboral e Emprego Social) é unha iniciativa do Concello financiada por este da que poderán beneficiarse en 2009 un total de 31 persoas.

O Plan ten como obxectivo favorecer o acceso ao emprego dos colectivos que sofren unha maior discriminación en relación co mercado laboral. Ademais, o plan prevé a realización de obras de interese e mantemento en espazos públicos de todo o Concello de Lugo. Estas serán supervisadas e dirixidas polo persoal de Vías e Obras e polo persoal de Medioambiente do Concello.

No PILES participaron as persoas desempregadas que figuraban inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, empadroados no Concello e que pertencían a algún dos seguintes grupos: persoas con discapacidade que lles permita desenvolver as tarefas propias de mantemento de espazos públicos, homes e mulleres maiores de 35 anos ou inmigrantes con permiso de traballo e residencia.

A idade media dos 20 empregados que xa comezaron a traballar é de 40 anos atendendo de xeito especial unha franxa de idade que conta con importantes dificultades para conseguir emprego. “Quixera que se visualice o compromiso cos desempregados e, en especial, con aqueles que se atopan nunha situación de desvantaxe”, afirmou o Alcalde.

A duración dos contratos, aos que o Concello destinou unha contía de preto de 500.000 euros, estenderase ata decembro de 2009.

A maioría dos traballadores prestarán servizos coa categoría de peóns e realizarán tarefas de xardinería, albanelería e mantemento de espazos públicos do Concello de Lugo.

Este Plan súmase, tal e como destacou o Alcalde, a outras iniciativas postas en marcha polo Concello en colaboración con outras administracións como é o caso do Plan Zapatero do que Lugo recibiu 16 millóns de euros para acometer 79 obras.

José López Orozco pediulles aos traballadores o máximo esforzo e implicación nun Plan que, segundo asegurou, “terá continuidade” nos próximos orzamentos municipais.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova