O Arde Lucus MMIX dará comezo oficialmente mañá venres coa inauguración do Macellum -mercado- e do campamento dos forxadores ás cinco da tarde. Comezarán así os tres días de festa nos que se recreará o pasado romano da cidade de Lugo.
Máis de 250 actividades, actuacións e espectáculos conforman esta nova edición da festa Arde Lucus, que se celebrará desde o venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada pola Concellería de Xuventude que dirixe Rosana Rielo.
O campamento romano abrirá un ano máis as súas portas, tamén a tarde do venres, ás cinco e media, no carril dás Estantigas.
Algunha das novidades deste ano será a clase de oratoria nas escaleiras da praza de Santa María, o espectáculo de maxia Abracadabrix, ou o circo romano nocturno que terá lugar na explanada do pavillón municipal ás 23.30 horas.
Ao longo de toda a tarde haberá un sinfín de actividades que farán revivir o pasado romano da cidade, levando a lucenses e visitantes séculos atrás ata o que era a antiga Lucus Augusti.
A gran batalla final entre celtas e romanos terá lugar ás 20:00 horas na zona peonil da Rolda da Muralla.
Ás oito e media comezarán as representacións, como o Nasciturus a cargo de Ilusión Arte no Carril das Estantigas. Esta mesma agrupación celebrará as tradicionais vodas celtas neste mesmo emprazamento ás 23:00 horas.
A outra gran cita da noite será a bacanal, que estará a cargo, como é tradicional, da asociación Alas, e que se celebrará a partir da unha da noite na praza de Santa María. E á 01:30 Hipócrita Teatro representará a obra de teatro Tles (A vida de Suso Piloño), unha obra recomendada para maiores de idade.
Durante a noite, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza de zancudos, desfiles, gardas romanas, tambores, etc...
No programa xeral do Arde Lucus MMVII mantéñense as actividades estrela doutras edicións, como o pregón, o nomeamento dos personaxes da festa, a queima da muralla que este ano contará cunha banda sonora propia do Arde Lucus, a venda de escravos, o concerto de arpas ou a exhibición de bigas e cuádrigas.
O sábado pola tarde, ás 19:45 horas haberá outra sesión do Circo Romano que tradicionalmente congrega a un bo número de persoas.
O domingo a cidade continuará vivindo a festa. Seguirán abertos os campamentos romanos, o mercado, haberá máis actividades deportivas e paseos de bigas pola cidade.
O centro histórico contará coa actuación dos percusionistas de Braga e con outros grupos de animación de rúa, así como de instrución militar.
A colocación da Sentinela no tramo peonil da Ronda da Muralla e a representación de As troianas, porá fin aos tres días de festa romana que xa se atopa no sétimo posto da páxina web www.7mejores.es na que se elixe a mellor festa de toda España.
Web Arde Lvcvs