Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Novas tecnoloxías, discapacidade e empresa


# Xoves, 25/06/2009
Ante máis de preto de cento cincuenta asistentes, a xornada deu comezo coa presentación institucional.

Imaxe Asociada

As TIC desempeñan un papel clave no proceso de integración laboral das persoas con discapacidade, tanto na empresa ordinaria coma a través da fórmula do autoemprego, pero é importante contribuír a unha maior difusión das novas canles e ferramentas tecnolóxicas adaptadas dispoñibles para que sexan efectivas. Por esta razón, a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL incluíu no programa do Proxecto ETIC a xornada “Novas tecnoloxías e discapacidade”, que organizou xunto coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e que tivo lugar hoxe das 9:30 ás 14:00 horas na Facultade de Humanidades de Lugo.

Ante máis de preto de cento cincuenta asistentes, a xornada deu comezo coa presentación institucional, que arrincou coas palabras dos presidentes da Fundación CEL, Luis García Santalla, e de COGAMI, Anxo Queiruga Vila. Ambos os dous fixeron fincapé na necesidade da visibilidade, de facerlle chegar información á sociedade dos novos progresos feitos en tecnoloxía adaptada e da utilidade destos para eliminar barreiras no mercado de traballo.

Sucedéronse a continuación as intervencións do vicerreitor do campus lucense, Carlos Herrero Latorre, e dos representantes das tres entidades colaboradoras, o responsable da Obra Social de Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez Rodríguez, a deputada provincial Regina Polín e a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, quen pediu que “non escatimemos esforzos en lograr unha sociedade máis accesible”.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, que foi o encargado de pechar o acto de presentación, tamén valorou a importancia das novas tecnoloxías como ferramenta de integración social e laboral para as persoas con discapacidade e salientou que con iniciativas como as da Fundación CEL e coa suma de esforzos se contribúe a que cada día as cousas se fagan mellor nunha sociedade na que todos teñen cabida.

Puntos claves dos relatorios. Os catro relatores achegaron puntos de vista complementarios e moi aclaratorios. Comezou falando Alejandro Coello García, responsable de accesibilidade de COGAMI, quen se basou en casos prácticos para explicar os tipos de adaptacións técnicas que deben facer as empresas para contratar persoas con discapacidade e subliñou as adaptacións tecnolóxicas no traballo para este colectivo, como por exemplo as videoconferencias, a teleformación, a telefonía móbil e sen fíos e, por descontado, o ordenador, ou outros elementos concretos como o licornio, os teclados en braille, os sintetizadores de voz, o software específico, etc. Rematou dando uns apuntamentos sobre as axudas oficiais ás que se poden acoller as empresas nesta materia, procedentes das consellerías de Traballo e Benestar e de Economía e Industria, do Igape e do Ministerio de Traballo, fundamentalmente.

Para mostra dunha rama de actividade na que a integración ten moitas posibilidades de facerse realidade, Roberto Méndez Pérez repasou en “Caso de éxito dun traballador con discapacidade” a súa traxectoria laboral e experiencia vital dende o seu paso por unha escola especializada en París ata o seu ingreso en Intre-Solucións, en Lugo, como contable.

As dúas últimas charlas tiveron un fío condutor, a empresa Limaia Produccións. O seu promotor, José Carneiro, insistiu nas facilidades que ofrece profesionalmente o campo da animación audiovisual para as persoas con discapacidade debido aos poucos medios que se necesitan: “unha mesa con luz e un ordenador”. De feito, cando emprendeu o proceso de selección de persoal, contratou a Francisco Javier Ferreirós López, que era o único aspirante con discapacidade, porque o seu currículo era o que mellor se axeitaba ao posto. Precisamente, Javier estivo ao seu lado e pechou os relatorios incentivando ás persoas con discapacidade do público a formarse nas NTIC, especialmente na rama da programación, que a el lle abriron as portas do mercado laboral.

Ao final destas charlas sorteouse entre os asistentes un netbook Toshiba con software adaptado.

Probando. Ao longo da mañá houbo na entrada da facultade demostracións do funcionamento de equipos informáticos adaptados na súa totalidade e mais de equipos con hardware ordinario e software adaptado, atendidos por unha técnico de COGAMI. Así mesmo, o empresario Juan Taboada cedeu o primeiro coche adaptado para minusválidos da provincia, da súa autoescola Europa.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova