Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Nove premios para nove empresas


# Luns, 29/06/2009
O Alcalde de Lugo participou na entrega dos galardóns da Fundación CEL

A Fundación CEL entregoulle esta noite os seus XI Premios Anuais á Iniciativa, á Actividade e á Promoción empresariais a nove empresas e proxectos de empresa da provincia de Lugo, nunha cerimonia que tivo como escenario o Club de Campo Las Bridas.

O acto deu comezo ás 21:00 horas cunha primeira intervención a cargo do presidente da CEL, Eduardo Jiménez Domínguez, á que sucedeu a do presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, quen resaltou no seu discurso que, malia os tempos de crise, esta foi a convocatoria na que a categoría de Premios á Iniciativa Empresarial, que é a enfocada aos emprendedores, recibiu o maior número de candidaturas da súa historia, cun total de cincuenta.

Santalla expresou por iso o seu desexo de que, en colaboración coas Administracións, se poida traballar en dúas direccións: cara a unha maior eficacia e rendibilidade dos viveiros de empresas existentes, para que dispoñan de medios materiais e humanos suficientes nos seus servizos de atención aos emprendedores, e cara ao sistema educativo, para promover a educación empresarial a idades temperás.

Puxo enriba da mesa algúns datos da Fundación CEL para facer patente a utilidade das infraestruturas de apoio ao emprendemento e subliñar a importancia de investir nos emprendedores para investir na sociedade. Nunha década, o viveiro de empresas da entidade achegoulle ao tecido empresarial da provincia un total de corenta e nove empresas novas, que supuxeron a creación de máis de trescentos setenta postos de traballo e un volume de investimento superior aos dezasete millóns de euros. Os resultados do viveiro dánlle unha taxa de supervivencia empresarial do 91,4%, pois consolidáronse nove de cada dez empresas gestadas no seu seo e moitas delas levan máis de cinco anos no mercado. Luis García Santalla resaltou a súa rendibilidade ao afirmar que “cada euro de subvención pública recibido pola Fundación CEL para o seu Programa Viveiro de Empresas multiplicouse por nove só en termos de investimento directo xerado por estas novas empresas”.

Ademais, explicou que na Axencia de Emprego, dende setembro de 2001, atendéronse máis de setecentos emprendedores, que deron lugar a máis de catro mil oitocentas consultas de preto de catrocentos proxectos empresariais que, finalmente, se concretaron na posta en marcha de máis de duascentas empresas.

Os Premios constitúen unha plataforma de lanzamento de moitos destes proxectos empresariais.

Tralas súas palabras escoitáronse as do alcalde de Lugo e o presidente da Xunta, quen pechou a quenda de intervencións. A continuación tivo lugar a entrega dos Premios, nas súas tres categorías:

PREMIOS Á INICIATIVA EMPRESARIAL:

1. Premio a Proxectos de Creación de Empresa. O gañador foi DEINAL SOLUCIONES AGROALIMENTARIAS S.L., un proxecto que xurdiu no campus de Lugo, spin off universitario polo tanto, e que prevé a creación dunha empresa dedicada ao desenvolvemento de produtos funcionais (por exemplo, de produtos con Omega 3), asesoramento técnico, consultoría e control de calidade para o sector agroalimentario.

Amais, o xurado decidiu outorgarlle un accésit a SARA LAGE & MARU CALDERÓN, a firma impulsada por dúas novas promesas da moda lucense que xa participaron en dúas edicións consecutivas da Pasarela Cibeles. Ofrecerán deseño exclusivo de prendas de vestir de alta calidade e feitas con materiais naturais e técnicas artesanais e deseño de complementos, así como servizos de estilismo.

José María Arias Mosquera, presidente do Banco Pastor, entidade financeira patrocinadora desta modalidade, foi o encargado de entregarlle o primeiro premio, dotado con 1.800 euros, diploma de mérito e estatua da Fundación CEL, a Alberto Cepeda Sáez e Luciano Sánchez García, e mais o accésit, de 1.200 euros e diploma de mérito, a Sara Lage.

2. Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresa. Recaeu en PAFES CONSTRUCCIÓN SOSTENIBLE S.L., pola súa aposta de modernización e innovación no sector da construción. Promovida por mozos universitarios de Lugo, PAFES traballa nas áreas de protección pasiva contra o lume, aforro enerxético e protección contra o ruído, en consonancia coas novas pautas que implicou a entrada en vigor do código técnico da edificación. Recibiron o premio en metálico, consistente en 3.000 euros, o diploma de mérito e a estatua da Fundación CEL María Jesús Domínguez Rodríguez e Luis Abades Martínez, da man de Walter Álvarez Álvarez, o director territorial de Lugo de Caixa Galicia, patrocinadora desta modalidade.

Así mesmo, por decisión do xurado mereceu un accésit o proxecto LABORATORIO DE SÍNTESIS DHQ, S.L., pola súa iniciativa de posta en marcha dun laboratorio de deseño, síntese, avaliación biolóxica e estudos de toxicidade de compostos para a industria farmacéutica, destacando o seu alto potencial e posibilidades dada a tendencia a externalizar este tipo de servizos. Recolleu o premio, consistente en diploma de mérito e 1.200 euros, Cristina Sánchez Sixto. Tanto o Premio á Creación de Empresa coma o Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresa inclúen dentro da súa dotación o acceso a financiamento en condicións preferenciais ofrecida pola entidade financeira patrocinadora e o apoio á posta en marcha do proxecto a través da incorporación gratuíta ao Programa Viveiro de Empresas da Fundación CEL durante o ano seguinte á concesión do premio.

3. Premio a Proxectos de Investigación e Innovación aplicada á Empresa. O proxecto vencedor foi o titulado PRODUCIÓN DE AUGA QUENTE SANITARIA E CALEFACCIÓN MEDIANTE RECUPERACIÓN DE CALOR EN TANQUE DE LEITE, realizado por profesores e alumnos dos departamentos de Frío e Física e Química do Instituto de Formación Profesional As Mercedes de Lugo coa idea de innovar para conseguir aforro e eficiencia enerxética nunha explotación leiteira. Consiste no desenvolvemento e a construción dun prototipo para a recuperación do calor que evacúan os tanques de refrixerado para a conservación do leite, transferíndoo á auga por medio dun intercambiador de calor. O xurado, tendo en conta a súa calidade e a aplicación práctica, concedeulle un accésit ao proxecto de ELABORACIÓN DE ABONO ECOLÓXICO A BASE DE ALGAS E RESTOS DE PESCADO, desenvolvido pola Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, en colaboración coa empresa lucense Pescados Rubén, S.L., co obxectivo de elaborar un abono ecolóxico de calidade a base de algas e restos de pescado fresco, dando un valor engadido e unha saída aos residuos orixinados nas empresas pesqueiras transformadoras e mais nas lonxas.

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, outorgoulle os 1.800 euros mailo diploma de mérito e a estatua da Fundación CEL a Víctor Manuel Paz Cortiñas e Daniel López Vispo. Os 1.200 euros e o diploma de mérito do accésit foron recollidos por Elvira López Mosquera.

PREMIOS Á ACTIVIDADE EMPRESARIAL:

1. Premio á Calidade, Seguridade Industrial e Protección Medioambiental. Galardoouse a JECSA S.L., empresa eléctrica lucense dedicada ao deseño, montaxe e reparación de instalacións de baixa tensión, polos pasos dados para garantir o cumprimento da lexislación medioambiental e de prevención de riscos vixente, así como a aplicación do principio de sostibilidade, buscando o adecuado desenvolvemento dos procesos e a utilización racional de materias primas e enerxías e dos recursos humanos e infraestruturas. Para iso levou a cabo a implantación dun Sistema de Xestión Integrado de Calidade, Medioambiente e Prevención: Certificación Emas; Oshas 18001:1999; ISO 9001:2000; ISO 14001:2000.

Fíxolle entrega do diploma de mérito e da estatua da Fundación CEL ao xerente de JECSA, José Luis Díaz Varela, o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Jiménez Domínguez.

2. Premio ao Compromiso Social e á Creación de Emprego. Mereceu esta distinción TÉCNICAS ELÉCTRICAS Y DESARROLLO INTEGRAL S.L. (TEYDI). A fusión de varias empresas consolidadas no sector eléctrico e con máis de 25 anos de experiencia permitiu a fundación de TEYDI na comarca de Lemos, cuxa actividade abrangue os máis diversos sectores, acometendo instalacións eléctricas de media e baixa tensión, de control e supervisión, de telecomunicacións, de seguridade e de protección contra incendios.

Dende a súa constitución apostou por un amplo equipo humano como a súa principal vantaxe competitiva. O equipo de persoal da empresa ascendeu no 2008 a 81 traballadores, dos cales máis do 70% son empregados fixos; máis do 80% do equipo é menor de 35 anos, o que se traduce nunha empresa cun gran potencial de crecemento humano. A porcentaxe de mulleres supón algo máis do 35% e o de traballadores estranxeiros supera o 16%, residindo o 90% do persoal na zona do val de Lemos.

O director xeral de Técnicas Eléctricas y Desarrollo Integral, Marcelo Gabriel Cervigni, recibiu o diploma de mérito e maila estatua da Fundación CEL de Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.

PREMIO Á PROMOCIÓN:

1. Premio a Proxectos de Promoción Exterior da Provincia de Lugo. O destinatario deste premio foi o GRUPO DE COMUNICACIÓN EL PROGRESO, en recoñecemento ao labor de difusión mediática que realiza da provincia de Lugo dende hai cen anos a través das distintas empresas que se foron integrando no Grupo e que constitúen canles de comunicación de excepción para vender a nosa imaxe. Tanto os seus periódicos como a súa televisión, a produtora ou a axencia de noticias fixéronse e fanse eco da nosa historia, patrimonio, tecido empresarial, cultura, o noso deporte… servindo de plataforma de promoción das posibilidades que lle ofrece unha provincia rural a empresas innovadoras e de futuro. Proba da súa proxección foi a celebración ao longo de 2008 do centenario da súa cabeceira insigne, El Progreso, que trouxo de visita a Lugo ao Rei, así como a moitas institucións, entidades e personalidades que, coma nós, quixeron renderlle a súa particular homenaxe.

Recolleu este premio consistente en diploma de mérito e estatua da Fundación CEL, a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Invitados. Déronse cita neste evento preto de duascentas persoas dos ámbitos empresarial, financeiro, político e universitario. O presidente da Fundación, Luis García Santalla, estivo acompañado polos premiados, os auténticos protagonistas, así como por numerosas autoridades, entre as que se encontraban o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde da cidade, José Clemente López Orozco; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Ademais, acudiron os deputados, parlamentarios e senadores dos distintos partidos políticos e os titulares de diversos organismos autonómicos de interese, como o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández López, e o director do Igape, Joaquín Varela de Limia. En representación da Universidade acudiu o vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre. Tamén asistiu un nutrido grupo de empresarios da provincia, membros da Fundación CEL, e mais representantes do Banco Pastor, de Caixa Galicia e de Caixanova, as tres entidades financeiras patrocinadoras destes Premios.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova