O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentaron esta mañá no Concello a guía turística Lugo, ciudades con Encanto editada por El País Aguilar. López Orozco subliñou que a guía pretende consolidar Lugo “como destino turístico de primeira orde”.
Na súa intervención, o Alcalde de Lugo manifestou a aposta do Concello desde a súa chegada ao Goberno local polo turismo. Así, referiuse aos múltiples proxectos postos en marcha polo Concello como a rehabilitación e reurbanización do casco histórico ou o alumeado, “medidas pensadas para mellorar a nosa contorna, para que os lucenses estean máis a gusto e que veñan máis turistas”.
“Lugo é un gran destino turístico, de aí a importancia dun Patronato que aglutine aos organismos privados e as institucións nun obxectivo común, explicar a cidade para que veñan moitos turistas”, subliñou.
Pola súa banda, Concepción Burgo explicou que a publicación presentada hoxe se forma parte do Plan Integral de Promoción e Comercialización da cidade como destino turístico. Así mesmo, referiuse ás cinco partes nas que se divide a guía: aproximación a Lugo, Paseos por Lugo, La ciudad escondida, Escapadas e Vivir Lugo.
Presenta, destacou a Concelleira, “unha organización útil, moderna e actual” que vén a cubrir un baleiro no campo das guías turísticas sobre a cidade. Na colección enmárcanse cidades como Ávila, Córdoba, Santiago ou Granada, unha selección do mellor patrimonio monumental e cultural de España.
Tal e como explicou a Concelleira de Cultura e Turismo, a guía será distribuída pola editorial en múltiples puntos como centros comerciais ou grandes superficies, polo que será facilmente accesible. Así mesmo, terá presenza en internet e en feiras especializadas en turismo.