Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo valora o descenso do número de desempregados na provincia e anima aos lucenses a traballar en común para superar a crise


# Xoves, 02/07/2009
José López Orozco participou esta mañá na inauguración da mostra Solidarízate: voluntarios

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, valora os datos do paro coñecidos esta mañá que reflicten que Lugo e Ourense son as provincias galegas que experimentan un maior descenso no número de desempregados. Así, tal e como explicou, o paro rexistra un descenso do 5,05% en Lugo con 955 desempregados menos. López Orozco animou aos lucenses a seguir colaborando nesta dirección, “con alegría e esperanza, facer as cousas ben e traballar en común” para superar a crise para o que contarán co apoio decidido do Concello.

O Alcalde de Lugo fixo estas declaracións no acto de inauguración da exposición Solidarízate: voluntarios promovida por CaixaGalicia. Na súa intervención, López Orozco explicou que Lugo é unha cidade solidaria, que se ocupa e preocupa para que haxa igualdade de dereitos. No acto participou o Alcalde da cidade, así como co director xeral de CaixaGalicia, José Luis Méndez, e a Secretaria Xeral de Benestar, Susana López Abella.

López Orozco agradeceu o papel das asociacións, así como dos promotores do proxecto por contribuír cun mundo máis xusto e solidario no que persoas descoñecidas e en silencio dedican o seu tempo aos demais. “Canto máis democrática sexa unha sociedade máis asociacións ten que haber parta traballar conxuntamente coas institucións”, destacou o Alcalde.

Segundo López Orozco, a ubicación da mostra, situada na rúa da Raíña, permitirá ser visitada por numerosos viandantes o que colaborará na concienciación sobre o papel do voluntariado na sociedade.

A mostra

A exposición Solidarízate está composta por 22 figuras de fibra que representan a todo tipo de persoas voluntarias, 8 pantallas con contidos audiovisuais e paneis informativos que forman un discurso expositivo creado coas declaracións e imaxes de 100 persoas voluntarias que contan cómo integran o traballo voluntario na súa vida diaria.

A mostra divídese en catro temáticas, catro espazos de encontro nos que se mostran actividades de voluntariado no ámbito da inclusión social, a discapacidade, o medio ambiente e a cooperación ao desenvolvemento.

A exposición conta cos testemuños de cen persoas voluntarias, a participación de 142 ONG e o apoio de 280 voluntarios que farán de guías e atenderán aos viandantes informándoos de exemplos e posibles accións de voluntariado.

Os contidos audiovisuais que se poden ver nas pantallas crean un discurso expositivo que reflicte que o voluntariado non é unha cuestión de idade, nin de dispoñibilidade de tempo, nin de capacidade ou habilidade senón que calquera persoa, sexa cal sexa a súa idade, a súa profesión e por pouco tempo que teña, pode axudar e ser voluntario.

A mostra estará na rúa da Raíña ata o vindeiro 12 de xullo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova