Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba as bases para o concurso de ideas para a peonalización e adecuación da contorna da rúa San Marcos


# Mércores, 08/07/2009
González Dopeso indicou que se instalá unha cabina de medición da calidade do aire na Avenida Duquesa de Lugo

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá o concurso de ideas para a realización do proxecto das obras de peonalización e adecuación do contorno da Rúa San Marcos incluído dentro do Plan Urban, segundo indicou o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso.

Estas bases definen o procedemento e as condicións técnicas ás que se axustarán as ofertas para a selección do equipo de profesionais que realizará os traballos previos, a redacción do proxecto básico e de execución en misión completa (con todos os proxectos específicos) e o proxecto arqueolóxico. Ademais, inclúe a dirección facultativa e de execución das obras ata a súa liquidación, o seguimento arqueolóxico das actuacións e a coordinación de seguridade e saúde durante a actuación.

A intervención proposta consiste na peonalización da rúa San Marcos, a execución dunha praza frente ao edificio da Deputación Provincial, integrando na trama urbana os carris laterais deste edificio e a adecuación dos xardíns como zona de estancia, así como a súa inclusión no denominado paseo interior da Muralla.

Todas estas actuacións inclúense no Proxecto Urban que conta cun 70% de cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER). As propostas presentadas non excederán da cantidade de 1.650.000 euros.

O plazo para a realización dos traballos previos e a redacción do proxecto será de dous meses a contar desde a firma do contrato e o prazo para a presentación dos anteproxectos será de 40 días desde a súa publicación no BOP.

Outros asuntos
Por outra banda, o Concelleiro explicou que se aprobou nesta xuntanza tamén a apertura do procedemento de contratación para a adquisición por parte do Concello de Lugo dunha cabina de medición de calidade do aire para o control de niveis de inmisións. Este contrato contará cun orzamento máximo de 100.000 euros.

A cabina debe estar equipada e dotada cos sistemas e medios auxiliares que permitan a instalación e servizo dos equipos autoanalizadores de calidade do aire e outro equipamento complementario que dispoña dunha axeitada estética e confortabilidade.

Ademais, a empresa deberá subministrar un sonómetro ambiental, dous paneis informativos dixitais, un monitor automático de partículas, unha estación meteorolóxica, un sistema de adquisición de datos e un SAI.

A cabina, que medirá como máximo 2´4 metros de largo, 2´2 de ancho e 2´5 de alto, será instalada na Avenida Duquesa de Lugo, “polo que a cidade contará con dous sistemas de medición un no Norte e outro no Sur, onde está situada a cabina de medición da Xunta de Galicia”, indicou González Dopeso.

Ademais, nesta xuntanza acordouse a apertura do procedemento de contratación por un ano do servizo de cociña para a escola infantil de Fontiñas. O valor estimado para a primeira anualidade será de 56.046 euros.

Segundo explicou o Concelleiro, o obxectivo é que o servizo cubra as necesidades dos nenos e nenas de 3 meses a 3 anos. Na escola elaboraranse menús adaptados a estas idades tendo en conta as necesidades nutricionais de cada etapa evolutiva do neno ou nena.

O servizo de cociña da escola terá que elaborar os tres tipos de menús dacordo coas necesidades alimenticias dos nenos de 3 meses a 3 anos:

- Preparación de biberóns e papillas a base de leite e cereais.

- Elaboración de purés de verduras variadas con carne, peixe, ou ovo. Purés con froitas variadas con ou sen cereais.

- Elaboración de menús diarios variados e adaptados a nenos e nenas que comezan a tomar alimentos sólidos por primeira vez. Non se trata só de cubrir unha necesidade nutricional se non acadar que os alimentos estean correctamente preparados para que resulten ricos a paladares que se están a educar nunha alimentación correcta.

No servizo incluirase, ademais, a limpeza completa das dependencias e o comedor da escola.

O horario será de luns a venres todo o ano de 7:45 a 17:30 horas, agás o mes de agosto.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova