Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo inaugura a Casa das Linguas co obxectivo de convertelo nun espazo no que ampliar as competencias lingüísticas en diferentes idiomas


# Xoves, 09/07/2009
É un centro pioneiro, moderno e equipado no que se promoverá a participación da cidadanía

Imaxe Asociada Inauguración da Casa das Linguas

Os veciños e veciñas do Concello de Lugo contan dende hoxe cun novo centro de convivencia municipal, pioneiro, deseñado como un espazo socio-educativo dirixido á práctica dos idiomas. O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre inauguraron esta nova infraestrutura que, nos seus inicios, se limitará ao inglés.

O Alcalde de Lugo avanzou, así mesmo, que proximamente se integrarán outros idiomas como o francés ou o italiano e que se estudará a posibilidade de que os nativos doutros países poidan practicar tamén o galego e o castelán nas instalacións da Casa das Linguas.

Situada nas inmediacións do campus universiatario pretende ter un marcado carácter participativo, polo que o usuario poderá levar a cabo, con independencia da participación nas aulas educativas, numerosas accións: coloquios con monitores nativos, consultas a bases de datos, asistir a proxeccións de películas e demais actividades que lles permitan incrementar a formación no idioma impartido. O Alcalde explicou que “buscamos un espazo moderno, integrado en pleno campus universitario, perfectamente equipado, no que o usuario sexa participativo e leve a cabo o desenvolvemento das súas competencias lingüísticas en diferentes idiomas”.

A Casa das Linguas será un punto de encontro e de difusión dirixido a toda a poboación con idades de 10 anos en adiante. Os usuarios terán á súa disposición aulas educativas, con equipos informáticos, dúas aulas de conversación, unha biblioteca-tertulia e un salón de actos dotado de mobiliario e equipos informáticos. Nestas instalacións os asistentes poderán levar a cabo coloquios con monitores nativos, consultas de bases de datos, asistencia a proxeccións de películas, e demais actividades que lles permitan incrementar a formación no idioma impartido.

López Orozco afirmou que o obxectivo do Goberno Local e que este local se configure como un punto de encontro e difusión “non só lingüístico senón cultural”. O Alcalde afirmou que o equipo de Goberno márcase un dobre obxectivo coa Casa das Linguas, dun lado, contribuír ao fortalecemento lingüístico dos cidadáns de Lugo, e por outro, avanzar na construcción dunha cidadanía máis e mellor formada na que os idiomas formen parte activa do coñecemento persoal.

“O centro favorecerá as relacións persoais, o contacto intercultural e socio-lingüístico entre persoas de diferentes paises. Lugo converxerá así con Europa a través da lingua”, dixo o Alcalde, e engadiu que "os cidadáns de Lugo achegaranse de preto a outras culturas, ampliarán o seu coñecemento sobre os diferentes países e ampliarán as súas competencias no uso doutros idiomas, para o que facemos un chamamento á participación cidadá xa que son os lucenses os que enriquecerán, co seu traballo diario e continuo, este proxecto".

Será a partir do mes de setembro cando o centro comece coa súa programación, na que se levarán a cabo diferentes actividades didácticas orientadas ao coñecemento e a práctica de idiomas.

O centro contará co seguinte horario:

- Nos meses de verán estará aberto de 10,30 a 13,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas.

- Nos meses de inverno, a partir do 15 de setembro, de 17,30 a 22,00 horas.

- Tamén abrirá os dous últimos sábados do mes de 18,00 a 21,00 horas.

O orzamento co que contou este proxecto foi de preto de 200.000 euros. A este centro de convivencia sumarase un segundo, a Casa das Linguas da Piringalla.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova