Imprimir

A CUARTA EDICIÓN DOS VELLOS OFICIOS VIVOS ACHEGA O TRABALLO DOS ARTESÁNS Á CIDADANÍA AO LONGO DOS MESES DE VERÁN


11/7/2009 As demostracións terán lugar todos os sábados desde hoxe, 11 de de xullo e ata o 12 de setembro

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou este mediodía a cuarta edición dos Vellos Oficios Vivos encadradas no programa de actividade culturais de Verán en Lugo elaborado pola súa Concellería e que comezaron coa demostración dos traballos tradicionais da pedra, do barro da Ribeira Sacra, o fío e as fibras vexetais. Na apertura da cuarta edición desta programación Burgo estivo acompañada polo cordinador da actividade, Carlos Vázquez.

Esta actividade desenvolverase, como ven sendo habitual ao longo destes meses estivais,  ata o sábado 12 de setembro, ao fondo dos soportais da Praza Maior, entre as 11:00 e as 14:30 horas pola mañá, e entre as 16:30 e as 20:30 horas pola tarde.

É o cuarto ano que se desenvolve esta actividade que contará nesta edición con preto de 32 artesáns, nove deles participan por primeira vez neste programa.

Como indicou a Concelleira o obxectivo desta actividade é difundir e promocionar os sistemas de traballo seculares que empregan estes artesáns para elaborar os seus produtos. Durante os sábados dos meses de xullo, agosto e setembro exhibirán a súa destreza cesteiros, palilleiras, torneiros, ferreiros, zoqueiros... todos representantes dun estilo de traballar que forma parte da nosa tradición. Burgo reiterou que “dende o Concello queremos colaborar para que non se perdan, xa que son oficios que se manteñen de pais a fillos e que sería unha perda moi importante dende o punto de vista cultural”.

A Concelleira destacou o atractivo turístico que supoñen estas demostracións no centro da cidade e a interacción que se produce ente o artesán e o público: conversacións, talleres, venda de productos, etc. Estas demostracións permitirán que o Concello de Lugo continúe coa súa política de levar a cultura á rúa para facela accesible a toda a cidadanía e encher as rúas lucenses de iniciativas artísticas durante boa parte do ano.

A maiores, este ano serán diversas asociacións sociais da cidade as que participarán visitando aos artesáns e vendo como traballan.