Imprimir

OS CONCELLOS DE LUGO, SANTIAGO E A CORUÑA CONFORMARÁN UN "TRIÁNGULO MÁXICO" PARA IMPULSAR O PATRIMONIO MUNDIAL GALEGO


14/7/2009 * Os Alcaldes das tres cidades percorrerán o próximo venres un tramo do Camiño de Santiago para fixar a colaboración
* A iniciativa pretende dinamizar a economía e o turismo da comunidade

* López Orozco destaca que constitúe unha aposta por un turismo cultural de calidade que reflicta a nosa identidade como pobo e todas as nosas potencialidades

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou hoxe unha iniciativa que une aos Concellos de Lugo, Santiago e A Coruña co obxectivo de por en valor e dar a coñecer o Patrimonio Mundial galego “na Comunidade, no Estado e no mundo”. Así, os tres concellos conformarán un triángulo máxico amparados no Patrimonio Mundial a través do cal dinamizar a economía e o turismo da comunidade.

“Cada unha das nosas cidades conta cun monumento dos que conforman o triángulo máxico da cultura, o turismo e a historia. Un triángulo que os Alcaldes queremos por en valor, ademais de ensalzar o que significa historicamente, culturalmente e como reclamo turístico”, destacou o Alcalde.

Tal e como explicou López Orozco, o próximo venres os tres Alcaldes farán unha ruta de cinco quilómetros, un dos tramos do Camiño de Santiago, coa que se materializará a unión entre os tres Concellos. A camiñata sairá da Capela do Cebreiro e rematará no lugar de Hospital. Ao final da mesma, lerase un manifesto e darase conta dos compromisos adquiridos que logo se trasladarán as administracións co fin de atopar o seu apoio.

“Imos aproveitar ese marco que nos une, o do Camiño de Santiago, para sumar esforzos e lanzar o triángulo máxico que imos potenciar”, indicou.

Entre as propostas que recolle a colaboración establecida entre os tres concellos atoparase a creación dun itinerario turístico, así como o traslado da iniciativa ás diferentes administracións.

Dinamización da economía galega

Na súa intervención, o Alcalde subliñou que a iniciativa ten como obxectivo facer fincapé nun atractivo turístico, o patrimonio mundial galego, “que dinamice a economía das nosas cidades e do país mediante a aposta por un turismo cultural de calidade que reflicta a nosa identidade como pobo e todas as nosas potencialidades”.

Os Alcaldes da Coruña e Santiago tamén deron conta hoxe nas súas cidades da iniciativa que auna o Patrimonio Mundial co que conta a comunidade: a Torre de Hércules, o Camiño de Santiago e a zona histórica de Compostela e a Muralla de Lugo.