Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aumenta ata 136.824 euros a contía destinada a emerxencia social co fin de garantir a cobertura dos servizos básicos


# Martes, 14/07/2009
* Nos tres primeiros meses do ano destináronse máis de 17.000 euros a emerxencia social

* A crise aumentou o número de demandantes polo que o Concello decidiu aumentar a contía destinada a aqueles que máis o necesitan

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Carmen Basadre, decidiu realizar unha modificación orzamentaria que suporá un aumento de 46.824 euros para emerxencia social. Así, a partida dos 90.000 euros verase incrementada alcanzando un total de 136.824 euros. Esta modificación orzamentaria pretende garantir a cobertura dos servizos básicos da cidadanía no que resta de ano.

Esta achega permitirá seguir atendendo ás persoas que solicitaban axuda, así como a aquelas outras que o veñen demandando ultimamente por mor da crise económica. Na actualidade benefícianse da axuda 65 persoas de media mensual dos que o 65% son mulleres. Ata o mes de marzo destináronse 17.000 euros a emerxencia social pero co obxectivo de atender as novas demandas o Concello decidiu aumentar a partida.

Así, o Concello de Lugo duplicou o investimento destinado a emerxencia social con respecto ao 2008, en resposta á situación que vive a sociedade. Os receptores destas axudas son as persoas perceptoras de RISGA, así como aquelas que teñen escasos recursos económicos. O aumento do gasto destinado a emerxencia social foi posible gracias ao aforro que durante todo o ano levou a cabo a Concellería que dirixe Carmen Basadre e que agora, permite responder ante un aumento da demanda de axuda por parte dos cidadáns.

Estes datos deunos a coñecer a concelleira de Benestar Social na reunión do Consello de Servizos Sociais celebrada esta mañá na que tamén participaron os concelleiros de Economía e Infraestruturas, representantes da Cruz Vermella, Federación de Veciños, Cogami, Asociación de Viúdas, Asociación Xitana e representantes dos grupos políticos con representación no Concello e da Consellería de Traballo e Benestar.

Aumento do remanente para emerxencias

Carmen Basadre deu conta, así mesmo, dun aumento dos anticipos de caixa das traballadoras sociais para facer fronte ás emerxencias co fin de que non haxa ningún tipo de retraso nas mesmas. Así, aumentarase o remanente do que dispoñen para acometer as emerxencias con maior axilidade.

Ademais do anterior, Carmen Basadre informou dun pago dos xuros por hipotecas ás persoas que desde o 1 de xaneiro de 2009 sexan perceptoras de subsidio por desemprego ou que deixaran de percibir prestación. Trátase, como explicou, dunha medida excepcional, restrinxida e para este momento puntual. O límite da axuda estará nos 300 euros por un prazo máximo de tres meses. A axuda será incompatible con calquera outro tipo de achega con este concepto e irá destinada a vivendas habituais e permanentes.

Así mesmo, Carmen Basadre presentoulles o Borrador de Ordenanza de Civismo aos participantes na reunión co obxectivo de que presenten as súas suxestións e recomendacións.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova