Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aposta pola prestación de servizos que melloren a calidade de vida da cidadanía


# Mércores, 15/07/2009
A Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de adxudicación de 25 prazas de atención diúrna para persoas maiores dependentes

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación do contrato de 25 prazas para a atención de persoas maiores dependentes. A Concelleira de Economía e Emprego explicou que o servizo contará cun orzamento de 213.600 euros, o que supón un total de 712 euros mensuais por praza, “unha cantidade que destinamos a gasto social para un servizo moi demandado polas persoas maiores e que está ter resultados moi satisfactorios”. Méndez engadiu que “é unha aposta decidida do equipo de Goberno a de incrementar a prestación de servizos que melloren a calidade de vida da cidadanía e, en especial, a dos nosos maiores, o que sitúa a Lugo na cidade de España que maior porcentaxe do seu orzamento destina ao gasto social”.

O obxectivo deste contrato é atender as persoas da terceira idade que polas súas eivas físicas ou mentais, socioeconómicas ou familiares, teñan reducida a súa autonomía para as actividades da vida diaria. Para isto, levaranse a cabo, a nivel preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial, educativo e técnico de cara a procurar o seu benestar psíquico, físico e social, proporcionándolle a posibilidade de continuar na súa contorna natural, mentres iso sexa posible.

A entidade adxudicataria deberá atender diferentes prestacións sociais como o acollemento e orientación ao usuario, a coordinación co plan de intervención establecido polo traballador social adscrito aos centros de día do Concello, relación permanente coa familia, seguimento do caso e coordinación cos servizos sociais de atención primaria e/ou atención especializada. Ademais deberán atender as prestacións de atención á saúde psicofísica para aumentar a súa autonomía persoal, a hixiene persoal e atender ás necesidades nutricionais dos usuarios, de acordo co seu estado orgánico e metabólico, segundo as indicacións dos facultativos que correspondan.

A empresa adxudicataria deberá cubrir tamén as prestacións de socialización e participación.

O servizo deberá prestarse dende as 9:00 horas da mañá ata as 20:00 da tarde, de luns a sábado con servizo de almorzo, xantar e merenda. Ademais prestarase o servizo 2 domingos ao mes en horario de 11.00 a 17.00 horas.


Outros asuntos tratados

Na súa intervención, a Concelleira de Economía deu conta da reanudación das obras de dous dos inmobles da Praza do Campo Castelo, á que ven de concedérselle a licenza. Sonia Méndez explicou que a grúa instalada no lugar proseguirá as obras, ao tempo que indicou que a estrutura non fora retirada porque os técnicos consideraron que podía conlevar peligrosidade para a estrutura.
 
Así, Sonia Méndez indicou que as obras finalizarán o antes posible unha vez obtiveron a licenza para a reestruturación total.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a contratación das obras de accesibilidade no Concello de Lugo, fase V, proposta de aprobación do proxecto e do prego de cláusulas administrativas particulares, así como do gasto e adxudicación por procedemento negociado apertura do procedemento de adxudicación. Mediante a execución deste contrato o Concello de Lugo pretende suprimir as barreiras arquitectónicas existentes en diverso viario da cidade de Lugo. As obras contarán cun orzamento máximo de licitación de 212.239 euros e un prazo máximo de 5 meses.

As rúas que inclúe esta V fase son: Avenida da Coruña (dúas fases), Rúa Milagrosa, Curros Enriquez, Illas Cíes, Río Narla, Alexandre Bóveda, Monte Faro, Rúa do Franco, Viana do Castelo, San Isidro Labrador, Laverca, Rúa das Fontes, Mar Cantábrico, Santo Grial, Ángelo Colocci, Gallego Tato, Lavandeira e Reiseñor.

Por outra banda, nesta xuntanza decidiuse efectuar a incautación da garantía definitiva á empresa adxudicataria das obras de creación dunha área de demostración e divulgación medioambiental no parque empresarial do Ceao, no marco dun proxecto "Lugo sostible"'. A Concelleira explicou que esta decisión “tomouse, xa que transcorreu máis dun ano dende a recepción parcial das obras e a empresa non realizou ningún tipo de trámite de legalización ou sometemento á supervisión por parte do servizo electromecánico industrial e non se observa ningún tipo de intención de corrixir esta situación”.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova