Imprimir

O ALCALDE DE LUGO RECIBIU NA CASA DO CONCELLO AOS NENOS E NENAS SAHARAUÍS QUE PASAN OS MESES DE VERÁN NA CIDADE


15/7/2009 López Orozco felicitou ás familias de acollida polo seu xesto de solidariedade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello a un grupo de 10 cativos e cativas saharauís e as familias de acollida lucenses coas que pasarán os meses de verán.

Esta recepción encádrase dentro do convenio de colaboración entre o Concello e a ONG “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” para o proxecto “Vacacións en Paz”.

O mandatario lucense quixo agradecer aos pais de acollida de Lugo “o seu xesto é unha mostra de solidariedade e un exemplo de esperanza para todos. Cando hai xente que se comporta así, lembramos que a humanidade é capaz de facer as cousas ben e de que o mundo non é tan malo”.

López Orozco explicou que o seu desexo “é que estes nenos e nenas puideran vivir sempre en paz”.

Durante estes dous meses os rapaces e rapazas terán a oportunidade de gozar das comodidades dun país desenvolvido e de aprender o galego e o castelán. Ademais, realízaselles unha revisión médica completa e probas oftalmolóxicas, e aqueles nenos nos que se detecta algún problema de saúde, son derivados ao especialista correspondente.

O Alcalde convidou aos nenos e nenas a voltar o ano que vén, ademais, entregoulles uns agasallos que consistiron nunha bolsa con camisetas, sudadeiras e un exemplar da revista “Lugo, vive e convive”.