Imprimir

OS USUARIOS DO CENTRO DE DÍA ANTONIO GANDOY TRASLADAN A SÚA SATISFACCIÓN POLO SERVIZO E ATENCIÓN QUE RECIBEN


15/7/2009 Así llo fixeron saber hoxe ao Alcalde de Lugo e a Concelleira de Benestar Social nun xantar que mantiveron cos usuarios

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, xantaron este mediodía cos 20 usuarios do Centro de Día inaugurado a pasada semana, Antonio Gandoy. Os veciños e veciñas que acuden ao centro trasladaron a súa satisfacción polo servizo e atención que reciben.

O centro, integrado nas dependencias do Centro de Convivencia Maruja Mallo, presta servizo a 20 persoas maiores en situación de dependencia .

O novo centro, situado no Carril das Hortas, supón unha mellora notable na calidade da atención e os servizos prestados aos maiores. Neste sentido, Lugo é a cidade española na que máis se inviste en gasto social, tal e como evidencian os numerosos servizos de benestar social postos en marcha na cidade.

Instalacións
O Centro de Día Antonio Gandoy conta cunhas instalacións modernas, con todas as comodidades e servizos solicitados polos usuario. Así, dispón de servizo de cociña, de transporte, comedor, aula de animación sociocultural, sala de relax e dunha sala de terapia ocupacional.

Ademais, o centro, no que o Concello de Lugo investiu 900.000 euros a través do Plan Concertado de Servizos Sociais, contará con preto de 20 persoas ao servizo dos maiores, entre os que se atopará un médico.

O horario de apertura é de 8,30 a 20,30 horas de luns a sábado e os domingos de 11,00 a 18,00 horas.