Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ADXUDICA DE XEITO PROVISIONAL A 134 FEIRANTES AS PARCELAS DO RECINTO DO SAN FROILÁN


16/7/2009 A adxudicación posibilitará unha achega ao Concello de 369.564,89 euros para a realización das festas

A Comisión de Festas, presidida polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo hoxe unha nova xuntanza dos seus responsables na que se deu conta da adxudicación provisional das parcelas do recinto feiral do San Froilán para os feirantes. O Concello de Lugo, a través da Concellería de Cultura que dirixe Concepción Burgo, adxudicou de xeito provisional a ocupación de 108 parcelas para 134 industriais que participen na feira do San Froilán. Isto débese a que algunhas das prazas ofertadas poden ser compartidas.

Esta adxudicación provisional reportará unha contía de 369.564,89 euros para o Concello de Lugo, fronte aos 292.289 euros recibidos do concurso do ano 2006. O aumento da recadación responde á revisión de prezos que non se efectuaba desde o 2006.

A adxudicación provisional estará vixente durante os anos 2009, 2010, e 2011 e será revisada cada ano coa actualización do IPC, aspecto non recollido na anterior adxudicación que mantivo os prezos de 2006.

Do total de parcelas ofertadas quedan desertas arredor de 20, que pasarán a adxudicarse de forma directa. Para levar a cabo a adxudicación tivéronse en conta tres criterios: a novidade da proposta, a oferta económica e a antigüidade.

As parcelas serán ocupadas por atraccións de habilidade, como casetas de tiro ou máquinas bumper, postos de alimentación, carruseis e espectáculos e atraccións de azar, tales como tómbolas ou bingos.

As bases que rexiron o concurso foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 7 de maio de 2009.