As pistas de skate do parque da Milagrosa acollen a segunda edición do certame internacional de graffiti Style Fighter
# Xoves, 16/07/2009
A cita desenvolverase coa colaboración do Concello de Lugo
O Concello de Lugo colabora coa celebración da segunda edición certame internacional de graffiti Style Fighter que se celebrará mañá venres 17 de xullo e o sábado día 18 nas pistas de skate do parque da Milagrosa. Neste recinto os artistas urbanos utilizarán os muros que rodean o Skate Park como base para as súas obras de arte.
O proxecto deste ano pretende decorar un muro na cidade para que perdure por sempre como expresión artística e non exposto ao deterioro do tempo e a humidade. Pero ademais, para facelo máis espectacular, nesta edición, decorarase un edificio enteiro. Coa axuda de grúas móbiles os artistas poderán dar renda solta a súa creatividade,e desta forma a obra formará parte da contorna do Skate Park de Frigsa e da cidade de Lugo, véndose dende varios puntos da mesma.
Este festival, que pretende consolidarse como unha referencia a nivel nacional, achegará á cidade ás principais figuras do graffiti, tanto a nivel nacional como internacional. Entre as figuras invitadas estará o artista estadounidense Revok que demostrará en Lugo a maestría do seu colorido e depurado estilo de letraxe que o converteu nun referente internacional.
Pero tamén haberá unha grande presenza dos graffiteiros españois como o sevillano Logan, que conta cun gran renome a nivel internacional e que ten xa publicado o seu primeiro libro con graffiti, ilustracións e tatoo. Estará presente nesta cita tamén o grupo madrileño Boa Mistura que se converteu nunha referencia de diversidade de estilos e puntos de vista. Os seus membros Arkoh, Derko, Pahg, Purone e rDick aportan diferentes visións que se complementan, influencian e se mezclan para formar sempre algo mellor.
Outros dos participantes no certame serán: o sevillano Joe que convertiu os seus traballos nunha verdadeira sinal de identidade, o madrileño Zoer que é un dos escritores de graffiti máis activo, Belin que proxecta nos seus realismos a súa identidade , e Foham Fonezs, un clásico da escena urbana de Barcelona.
Os artistas galegos estarán representados polo recoñecido ilustrador de Vilagarcía Sekone e os lucenses El Circo Crew que están a ter unha gran proxección nacional nos últimos anos e que contan xa coa súa propia marca de roupa: Circo Wear.
Este ano, ademais do Certame de Graffiti haberá simultaneamente un concurso de amateurs de Skate. Este certame que se poderá ver os dous días nos que dura o festival, pretende apoiar ao evento para cobre maior relevancia e repercusión e, ademais, defender o Skate en Lugo.
O sábado pecharán o evento unha serie de concertos na sala Boe ás 22:00 horas. As actuacións correrán a cargo de Latex Diamond & Sholo Truth, Anubis Metal Jack, MVP, Fulji, Salvador Medina, Dj Cro e Sanguinetti Brothers entre outros. Os prezos das entradas serán de 10€ anticipada e de 15€ en taquilla.
Compartir: