Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O CEI-Nodus acolle un seminario sobre a difusión da creación de empresas


# Venres, 17/07/2009
O Concello continúa así coa súa programación formativa para promover a cultura emprendedora na que participaron nos seis primeiros meses do ano unhas 700 persoas

Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participou esta mañá na inauguración do Seminario para a Difusión da Creación de Empresas organizada por BIC Galicia.

O obxectivo desta sesión é achegar aos asistentes á realidade do mundo da empresa, valorizar a figura do empresario e analizar o proceso que media entre a motivación, a xeración dunha idea e a súa conversión en empresa, destacando a importancia de elaborar un plano de viabilidade e dando a coñecer as ferramentas e axudas que teñen á súa disposición os emprendedores galegos.

A metodoloxía baséase nas experiencias do Banco de Proxectos Empresariais de BIC Galicia - IGAPE, unha extensa base con cerca de 200 experiencias de emprendedores galegos.

Esta actividade englóbase no programa de formación organizado polo Concello de Lugo para promover entre a xuventude lucense a creación de empresas e na que participaron os centros educativos de secundaria da cidade, así como diferentes facultades do Campus da USC en Lugo. Nestas charlas e seminarios á mocidade lucense coñeceu ás posibilidades que ofrece o emprendemento como saída profesional.

Ademais, presentóuselles aos asistentes o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, unha iniciativa para a promoción económica da cidade e un apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Os mozos e mozas coñeceron como as súas actuacións céntranse en facilitar a creación de empresas de carácter innovador, a formación en materia de xestión e innovación empresarial así como o asesoramento en proxectos vinculados a I+D+i. De feito, este centro do Concello de Lugo está a levar a cabo neste momento un total de 103 asesoramentos técnicos para emprendedores.

Ao longo do primeiro semestre do ano participaron nos cursos e seminarios organizados polo Concello de Lugo no CEI-Nodus, para promover a cultura emprendedora, un total de 700 persoas.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova