Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os Concellos de Lugo, Santiago e A Coruña selan o Triángulo Máxico do turismo mundial galego co obxectivo de ser Patrimonio Mundial da Paz, da Convivencia e do Encontro


# Venres, 17/07/2009
* Anuncian a sinatura dun convenio para implicar ás administracións e á iniciativa privada na promoción do patrimonio mundial galego

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
* Reivindican ás administracións un itinerario turístico das tres cidades que promova o patrimonio mundial
* A iniciativa pretende dinamizar a economía e o turismo da comunidade

Os Alcaldes das cidades de Lugo, José López Orozco, Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, A Coruña, Javier Losada, e o Cebreiro, José Luis Raposo, percorreron esta mañá cinco quilómetros do Camiño de Santiago cos que selaron o triángulo máxico do turismo mundial galego, co obxectivo de “ser patrimonio mundial da paz, da convivencia e do encontro”. Os Alcalde, que percorreron unha parte do Camiño de Santiago desde o Cebreiro ata o lugar de Hospital, anunciaron que proximamente asinarán un convenio no que anuncien as actuacións a desenvolver para promocionar o patrimonio mundial galego. Un convenio que elevarán á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado co fin de contar coa súa colaboración, así como coa da iniciativa privada.

Os Alcaldes estiveron acompañados por varios dos concelleiros de cada un dos municipios que conforman o triángulo máxico: Lugo, A Coruña e Santiago.

O Alcalde de Santiago foi o encargado de ler o comunicado que deu conta da unión das tres cidades. Un comunicado que avanzaba ademais, a reclamación de conseguir un itinerario turístico mundial que promova, poña en valor e promocione o patrimonio mundial galego.

A iniciativa ten como obxectivo facer fincapé nun atractivo turístico, o patrimonio mundial galego, que dinamice a economía das nosas cidades e do país mediante a aposta por un turismo cultural de calidade que reflicte a nosa identidade como pobo e todas as nosas potencialidades.

Axúntase comunicado que dá conta do nacemento do triángulo máxico do patrimonio mundial galego:


COMUNICADO PATRIMONIOS MUNDIAIS

Os galegos somos verdadeiramente uns privilexiados. E senón, miren ao seu arredor.

En poucos lugares do mundo é posible gozar dunha paisaxe coma esta que nos ofrece Hospital da Condesa en pleno Cebreiro. En poucos lugares do planeta podemos conxugar a beleza natural dunha terra como a que hoxe pisamos, coa riqueza histórica e cultural dunha comunidade que acolle 4 Patrimonios Mundiais. En 1985 a Cidade Vella de Santiago, en 1993 o Camiño de Santiago, no 2000 A Muralla Romana de Lugo e no 2009 a Torre de Hércules.

Galicia conta con innumerables tesouros naturais ou feitos polas mans dos homes, e cunha xenerosidade incomparable que lle permite entregar a súa riqueza ao mundo.
Posuímos un patrimonio considerado especialmente valioso para a humanidade, unha riqueza que debe ser responsabilidade compartida de todo o planeta.

Hoxe reivindicamos o compromiso de protección deste TRIÁNGULO MÁXICO que conforman as cidades de A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela, coa Torre de Hércules, o Camiño de Santiago, a cidade compostelá e a Muralla Romana.

Queremos comprometernos publicamente a garantir que este tesouro da nosa historia, chegue intacto ás xeracións futuras. Sen dúbida ese é o noso mellor legado. Debemos unir as nosas forzas e traballar nunha mesma dirección convertendo a nosa historia nun sinal de identidade que nos identifique como Galegos e nun atractivo turístico que axude a dinamizar a economía deste país.

Representan a riqueza das diferentes culturas que conforman hoxe a esencia do pobo galego e supoñen uns recursos incomparables, unha riqueza material e inmaterial de valor incalculable. O noso pasado romano segue vivo na Torre de Hércules e na Muralla lucense, e o medievo galego, o barroco e a modernidade mantense na cidade compostelá, que representa a verdadeira humanización da pedra.

Somos parte do que fomos, e iso non debemos esquecelo. A nosa historia é a base sobre a que se debe erguer o noso futuro.

O Camiño de Santiago, representa o ir e vir da humanidade e tamén o seu avance. Milleiros de pasos fixeron deste camiño un símbolo de paz e de solidariedade entre os pobos. Xentes de todas as razas, de todas as cores, de todas as crenzas, compartiron a mesma imaxe do mundo por uns momentos no transcurso desta viaxe. Milleiros de persoas pararon onde hoxe estamos nós, e moitos deles seguro que analizaron de novo o sentido do mundo.

Europa fíxose segundo di o poeta: “Caminante, no hay camino, se hace camino al andar”. E nese andar, nese ir e vir, transmitiuse a relixión, a cultura, a fala, os costumes, o que somos todos e cada un de nós.

A Torre de Hércules naceu para guiar aos mariñeiros ata a terra, para achegalos ao seu destino. Hoxe, aínda en marcha, simboliza esa luz da seguridade e tranquilidade que da a terra firme aos homes do mar.

A Muralla Romana de Lugo naceu cunha finalidade defensiva, nunha época dura, chea de conflitos e de guerras que levaron a moita xente á morte. Foi unha muralla construída para pechar a un pobo e hoxe está aberta á humanidade.

Estas tres cidades, este eixo de cultura vertebrador, con estas tres marabillas mundiais, enmarcadas neses Camiños de Santiago, conforman o Triángulo Máxico de tesouros da humanidade que hoxe reivindican a paz. Teresa de Calcuta dicía que a paz comeza cun sorriso, e nós queremos sumarnos a ese soño.

Representamos parte do Patrimonio cedido ao mundo, a riqueza que nos define pero que non nos separa do resto de Galicia.

Hoxe, en pleno século S XXI, na era das Novas Tecnoloxías, da modernidade, formamos parte dun mundo que camiña cara o futuro, pero que se ergue, orgulloso sobre o que outros homes e mulleres construíron. Algunhas veces con guerras e que nós hoxe reivindicamos con paz.

Queremos ser Patrimonio mundial da paz, da convivencia, do encontro.

Este é o Triángulo Máxico que vertebra á Galicia dos pobos, das vilas e das grandes cidades.

O mundo está cambiando. Neste momento a historia está en movemento e nós formamos parte dela. O Turismo Cultural serve de engarce entre todos os homes e mulleres que aman o pasado, para facer un futuro mellor.

Por iso queremos reivindicar ás distintas administracións, un itinerario turístico das tres cidades. Queremos involucrar a todos e a todas, entidades, organismos, administracións, cidadanía, como xesto de traballo en común, de colaboración sen fronteiras, de traballo en equipo co obxectivo de facer de Galicia un destino incomparable.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova