Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo ofertará durante o curso 2009-2010 actividades extraescolares e o servizo de comedor en varios centros educativos


# Martes, 21/07/2009
O programa Unha Escola Aberta pretende contribuír á conciliación da vida familiar e laboral

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo, aprobará mañá a contratación da prestación de actividades extraescolares e complementarias levadas a cabo pola Concellería de Educación nos Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria. O equipo de Goberno promoverá unha serie de actividades extraescolares e complementarias, co fin de apoialos na súa programación do centro. Ofrecerase ademais o servizo de comedor: almorzo, xantar e merenda, e tamén a apertura das instalación deportivas escolares en horario non lectivo para toda a poboación lucense, dentro do programa denominado Unha Escola Aberta.

O equipo de Goberno persegue fomentar as aprendizaxes das ensinanzas non formais, ofrecer actividades de calidade para o tempo de lecer dos nenos e nenas da cidade, así como contribuír á conciliación da vida familiar e laboral das familias ao ofertar o servizo de almorzo, xantar e merenda durante os períodos lectivos, pero tamén nos períodos vacacionais dos nenos e nenas. Ademais, porá a disposición da poboación en xeral ( infancia, mocidade, asociacións….) as diferentes instalacións para o desfrute do tempo de ocio e potenciar actividades de promoción da saúde con actividades deportivas ou recreativas.

A Concellería de Educación programou para acadar estes obxectivos as seguintes actividades de interese entre os rapaces e rapazas dos colexios lucenses:

  • Baile galego, para transmitir o folclore de Galicia por medio da danza e o movemento.
  • Xadrez, para fomentar as técnicas xadrecísticas e a axilidade mental.
  • Patinaxe, actividade que os nenos e nenas practican e que o seu coñecemento conduce á súa correcta utilización.
  • Contacontos, pensada para os máis pequenos (educación infantil) como complemento ás aprendizaxes formais da lectura.
  • Monicreques, actividade moi adecuada para o desenvolvemento persoal do neno ou nena.
  • Baile Moderno, actividade elixida por algúns colexios co propósito do divertimento dos rapaces e rapazas e que desenvolve os aspectos motrices.
  • Gaita, a aprendizaxe do instrumento máis axeitado ao folclore da nosa terra, e ás raíces da historia de Galicia, e solicitado por moitas familias.
  • Técnicas teatrais, actividade programada para o alumnado de máis idade, (ESO) que contribúe ao coñecemento de técnicas teatrais no alumnado que ten esa preocupación así coma a formación da personalidade.
  • Baloncesto actividade deportiva elixida principalmente polo alumnado de primaria.
  • Tenis actividade deportiva elixida por algún centro.
  • Fútbol sala, deporte que solicita dende o colexio.

Estas actividades son as que se plantexan dende o Concello para o curso escolar sempre que cumpran os obxectivos dos Programas da Concellería de Educación, e poderán ser modificas se as peticións, xustificadas, dos Centros Escolares son outras, pero sen modificación algunha no custe económico. Estas actividades extraescolares terán lugar de luns a venres de 16:00 a 18:00 horas.

Servizo de comedor

A Concellería que dirixe Dolores Vieiro oferta para o vindeiro curso o Servizo de Almorzo e Comedor nos Colexios Públicos de Lugo adscritos a este programa de apoio ás familias, para a conciliación da vida laboral e familiar. Os centros que ofrecen este servizo son:

  • CEIP ANEXA
  • CEIP LUIS PIMENTEL
  • CEIP ROSALIA DE CASTRO
  • CEIP MENENDEZ PELAYO
  • CEIP AS MERCEDES
  • CEIP PARADAI
  • CEIP ALBEIROS
  • CEIP ILLA VERDE

“Polideportivos para todos e todas”

Este programa consiste na apertura das instalacións deportivas escolares (pavillóns e pistas polideportivas) en horario non lectivo, para que podan ser utilizadas pola cidadanía para o seu desfrute no tempo de ocio, tamén os sábados e domingos, durante 9 meses ao ano. O horario será de 18:00 a 23:00 horas de luns a venres e de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas os sábados e domingos.

A intención é a de abrir os polideportivos de tres centros de primaria públicos distribuídos en tres zonas da cidade.

A empresa adxudicataria deberá proporcionar para o mantemento deste servizo persoal suficientemente cualificado e que cubra os horarios.

A duración do contrato para a xestión de todos estes servizos será de 2 anos, coa posibilidade de prorrogarse ata un máximo de 4 anos. O orzamento máximo será de 277.577 euros, o anterior contrato era de 168.565 euros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova