Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca que a Escola Obradoiro A Memoria da cidade permitirá crear empregos cualificados e conservar o patrimonio documental local


# Mércores, 22/07/2009
* Na Escola traballan 33 alumnos que dixitalizan e restauran o patrimonio documental de parte do fondo do Arquivo Municipal de Lugo
* López Orozco e Sonia Méndez percorreron os tres módulos que abrangue a Escola


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

* Trátase da única Escola Obradoiro dedicada á dixitalización e restauración do patrimonio documental que existe en Galicia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, visitaron esta mañá a Escola Obradoiro A Memoria da Cidade na que 33 alumnos traballan na dixitalización e restauración do patrimonio documental de parte do fondo do Arquivo Municipal de Lugo. Na súa intervención, López Orozco expuxo que a Escola permitirá crear empregos cualificados, así como conservar o patrimonio local.

Trátase, tal e como sinalou, “de formar traballadores que o día de mañá poidan traballar nesta especialidade ou mesmo crear unha empresa”. O Obradoiro é o único destas características que existe en Galicia polo que, “sería extraordinario que Lugo contase no futuro cunha empresa de dixitalización de documentos”, expuxo. Así, López Orozco explicou que cando remate o proxecto, en 2010, ten previsto pedirlle ao Goberno galego unha prorroga do mesmo “para seguir formando profesionais”.

Obxectivos da Escola

Neste sentido, os participantes na Escola Obradoiro revisan o inventario do Arquivo Municipal, continuando co tratamento documental aplicado co obxectivo de acadar a posta en valor do patrimonio documental da cidade. Así mesmo, colaborase no desenvolvemento dun sistema de xestión documental electrónica no Concello de Lugo a fin do cumprimento da Lei 11 / 2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.

A Escola Obradoiro A Memoria da Cidade promovida polo Concello de Lugo coa subvención da Consellería de Traballo, iniciou as súas actividades o 17 de decembro de 2008. O seu obxectivo é que durante os seus dezaoito meses de funcionamento, trinta e tres alumnos traballadores, que ata a súa incorporación a este proxecto estaban en situación de desemprego, adquiran a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral coas suficientes garantías de atopar un posto de traballo por conta propia ou allea.

As especialidades formativas impartidas son as de Imaxe Dixital, con dez alumnos participantes; Restauración do Patrimonio Documental, con oito alumnos; e Xestión Documental, con quince alumnos traballadores.

Organigrama

O organigrama do persoal responsable da boa marcha da Escola Obradoiro está composto por un director, coa función de coordinar, xestionar e controlar o proxecto global da escola obradoiro; unha técnico en orientación profesional, pedagoga, encargada de coordinar as tarefas de titoría do alumnado traballador e a orientación laboral, que se encargará das actividades en xestión empresarial, e xunto coa dirección, da inserción laboral dos alumnos por unha banda, e das tarefas administrativas da escola obradoiro por outra; e por último, tres expertos – docentes nas anteditas especialidades profesionais.

Funcións

Na especialidade de Xestión Documental procederase a revisión do inventario do arquivo municipal co fin de actualizalo. Estase a desenvolver un traballo de descrición documental a nivel de inventario e catálogo (para as series documentais máis consultadas) coa introdución de novos rexistros descritivos na aplicación informática do arquivo segundo as normas internacionais de descrición ISAD (G), co obxectivo de posibilitar a súa consulta en Internet, para aqueles documentos de libre acceso.

Organizarase e describirase o fondo fotográfico do arquivo municipal composto fundamentalmente pola colección fotográfica Delgado Guisasola. Son máis de 3.000 fotografías que abarcan desde a última década do século XIX hasta mediados do século XX. Para este traballo desenvolveranse fichas de descrición segundo as citadas normas de descrición ISAD (G) onde se recolla de forma detallada a información referente as mesmas e paralelamente crearanse os puntos de acceso necesarios nas descricións arquivísticas co fin de utilizalos posteriormente para a recuperación da información.

Prestaráselle unha atención similar á sección de Mapas e Planos do inventario municipal. Catalogaranse os planos históricos que se custodian no Arquivo municipal, comezando polos de maior antigüidade co fin procurar unha correcta organización do fondo e favorecer a súa posterior difusión.

Abordarase o tratamento documental aplicado ao arquivo de xestión dos distintos servizos municipais do Concello. Seguindo o ciclo vital dos documentos, procederase a organizar e describir o arquivo de oficina de diferentes servizos municipais (cemiterio, persoal, urbanismo), atendendo desde a súa creación hasta o momento da súa transferencia ao arquivo municipal. Neste punto os alumnos participarán no proceso de implantación dun sistema de xestión documental electrónica (GED) no Concello de Lugo, seguindo o ciclo vital do documento en soporte electrónico desde a súa creación ata o seu arquivo nun repositorio participando da e-administración.

En definitiva, tal e como destacou o Alcalde, “desenvolveranse traballos tendentes a aplicar as técnicas de xestión e tratamento documental co obxectivo de acadar a posta en valor do patrimonio documental da cidade a través da súa correcta descrición e inventario, posibilitando e mellorando a súa difusión e acceso”.
A especialidade de Imaxe Dixital contribuirá a acadar no Concello de Lugo un programa de reprografía de seguridade para documentos de alto valor histórico, empezando coa posta en marcha dun programa de difusión vía Internet daquel patrimonio documental municipal que sexa moi significativo, actas capitulares do Concello de Lugo dos séculos XVI ao XX por exemplo; e por outra banda, axudando á difusión e posta en valor da sección fotográfica do arquivo municipal a través da súa dixitalización. Dixitalización que permitirá acadar non só a posta en valor do patrimonio documental do arquivo municipal do Concello de Lugo, senón que contribuirá dun xeito decisivo a favorecer a súa conservación e preservación de cara as xeracións futuras.

Na especialidade de Restauración do Patrimonio Documental levaranse a cabo aqueles tratamentos que se consideren máis pertinentes de cara a asegurar a conservación e a preservación daqueles documentos de alto valor histórico. A realización de unidades de instalación, caixas e sobres de arquivo, que sexan precisas para garantir a preservación dos diferentes documentos en función do seu formato e soporte específico, a análise das características e factores de degradación que inciden no patrimonio documental, especialmente no documento gráfico, co fin de valorar que proceso ou criterio de restauración é o máis convinte en función do estado de conservación de cada documento en particular.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova