O Concello de Lugo traslada aos hostaleiros e á Cámara de Comercio o proxecto para a creación dunha sociedade mixta de turismo
# Mércores, 22/07/2009
O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Cultura e Turismo mantiveron tamén unha xuntanza cos membros da oposición
O equipo de Goberno presentou esta mañá o informe sobre a viabilidade da creación dunha sociedade mixta para a xestión do turismo de Lugo aos representantes da Cámara de Comercio de Lugo e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.
O obxectivo desta sociedade é a de aumentar a promoción turística da cidade e a colaboración entre todos os axentes do sector, públicos e privados, para acadar unha maior eficacia no desenvolvemento do turismo de Lugo. O principal é a creación da marca de destino turístico de Lugo, coa súa promoción nas feiras do sector, publicidade, marketing, elaboración de publicacións, organización de eventos, etc. Pero o ente deberá tamén xestionar e captar fondos e axudas para o desenvolvemento turístico no ámbito municipal.
Esta sociedade, segundo a empresa á que se encargou o informe sobre a súa viabilidade, debería ser unha sociedade anónima municipal o que permite unha maior axilidade e flexibilidade, así como a participación de todo tipo de empresas e institucións.
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentaron a proposta da creación tamén aos membros dos grupos políticos con representación municipal.
Unha vez presentada a proposta aos grupos políticos e aos representantes da Cámara de Comercio de Lugo e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, o Concello de Lugo realizará próximas reunións cos implicados.
Compartir: