Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo mantén o seu compromiso coa igualdade de dereitos na zona rural mediante a humanización e o aumento da calidade de vida dos veciños


# Luns, 27/07/2009
* O departamento que dirixe Carmen Basadre colabora cos catro centros de Dinamización Culturais de Bóveda, Coeses, Calde e San Xoán do Campo

Imaxe Asociada
*Os centros presentan unha ampla oferta de actividades sanitarias, culturais e de ocio e formativas
*A Concellería de Medio Ambiente ten realizado na zona rural neste semestre un investimento de preto de 1,7 millóns de euros
*Lino González referiuse a actuacións en lavadorios, fontes e pontes, asfaltados, proxectos de obras, arranxos en escolas, alumeado ou desbroces


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, realizaron esta mañá un balance de actuacións levadas a cabo polos seus departamento na zona rural. Así, ambos destacaron que o Concello de Lugo mantén o seu compromiso “constante e permanente” coa igualdade de dereitos na zona rural mediante a humanización e o aumento de calidade de vida dos veciños.

Deste xeito, Carmen Basadre referiuse á recuperación das antigas escolas rurais como Centros de Dinamización Culturais. Actualmente existen catro na zona rural que prestan servizos sanitarios, formativos, culturais e de ocio: o Centro Sociocultural de Santa María de Bóveda, o Centro de Dinamización de Coeses, a Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal San Pedro de Calde e o Centro de San Xoán de Campo.

Os obxectivos que o Concello de Lugo persegue coa colaboración con este tipo de centros pretenden enriquecer a convivencia e o labor social e educativo, ao tempo que se contribúe activamente na conciliación familiar. Así mesmo, subliñou Carmen Basadre, contribúen na socialización da muller rural, colaboran na construción dun entorno máis habitable e saudable e permiten mellorar o nivel cultural, formativo e profesional de todos os colectivos das parroquias.

As actividades levadas a cabo polos diferentes centros gozan dunha grande acollida, tal e como destacou a Concelleira Carmen Basadre. Así, preto de 20 persoas acoden a diario aos centros, cantidade que se ve incrementada en actividades concretas como excursións, obradoiros ou cursos formativos.

Oferta sanitaria, cultural e formativa

No ámbito da saúde, os centros ofertan seminarios sobre terapias alternativas, obradoiros para o adestramento da memoria, control da tensión arterial e do azucre en sangue, servizo de fisioterapeuta, de podoloxía, así como unha ampla oferta de aparatos de psicomotricidade.

No ámbito cultural e de ocio, a oferta inclúe cursos de cestería, viaxes, xantares de confraternización, obradoiros, ximnasia, cursos de cociña, baile ou celebración de festividades da zona. No apartado formativo os centros acollen cursos de inglés, informática ou actividades de fomento da lectura, entre outros.

Tal e como explicou a Concelleira de Benestar Social, a oferta dos centros inclúe actividades para todos os públicos nun intento por conciliar vida familiar e laboral e por colaborar na oferta de “espazos interxeneracionais na que todos os veciños teñan cabida, independentemente da idade teñan”.

Así mesmo, ademais das actividades programadas, a diario os usuarios do centro contan con prensa, biblioteca, tv, dvd, equipo de música e xogos de diversos tipo. O Concello concede subvencións nominativas de 40.000 euros anuais por centro para poder prestar o seu servizo e actividades.

Preto de 1,7 millóns de euros para infraestruturas

No apartado de infraestruturas, o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, explicou que o seu departamento ten realizado un investimento no rural, no primeiro semestre de ano de 1.658.093,99 euros. Así, destináronse 101.259,60 euros a restauración, rehabilitación e reparación de lavadoiros, fontes e pontes; 116.656,80 euros a proxectos e obras; 346.623,49 euros a asfaltados; 242.071,36 euros a arranxo de escolas; 239.845,31 euros a reparación de marquesinas, arranxos, camiños, sinais animais, emulsión asfáltica, etc…; 271.797,67 euros melloras e camiños; 99.714,83 euros a alumeado público; 55.935,72 euros a desbroce e 184.189,21 a rexeneración de firme e rebacheo.

Entre as actuacións levadas a cabo, Lino González referiuse ao arranxo da Fonte de Castelo, a reparación do lavadoiro de Ombreiro, a reparación do lavadoiro de Ribas do Miño ou a restauración do lavadoiro de Piúgos.

En canto aos proxectos, falou do proxecto construtivo de saneamento nas parroquias de Meilán, Bocamaos, Pías, Gondar, Adai e Orzabai, así como da execución da rampla de acceso para persoas con discapacidade na zona de pesca xunto á ETAP.

No apartado de asfaltado, deu conta de actuacións en Bacurín, camiños na parroquia de San Xoán do Alto, camiño entre as parroquias de Soñar e Esperante e acondicionamento de camiño de Pollido a Garañan.

En canto ás melloras nas escolas, atópanse os arranxos na escola de Castelo, obras na Escola de Bóveda, o acondicionamento da Escola de Rubiás e a eliminación de barreiras arquitectónicas na Escola Unitaria Santiago de Saa.

Así mesmo, leváronse a cabo actuacións de acondicionamento de marxes para aparcamento en pista municipal de Recimil, nas inmediacións da igrexa parroquial, no camiño público municipal do Monte a Cimadevila, vial que enlaza o camiño coa Carretera C-630.

As actuacións de alumeado público efectuáronse en 29 parroquias.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova