Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concepción Burgo destaca que o aumento dos visitantes nun 25% no mes de xullo demostra a consolidación da cidade como destino turístico cultural e de calidade


# Martes, 28/07/2009
* Increméntase o turismo nacional e os visitantes estranxeiros, sobre todo os chegados de Latinoamérica
*O Concello de Lugo triplica no que vai de mes o número de participantes nas visitas teatralizadas


Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, deu a coñecer hoxe os datos do número de turistas atendidos na Oficina de Turismo Municipal que reflicten un incremento do 25% no mes de xullo con respecto ao mesmo período do ano anterior. Estes datos demostran, tal e como destacou a concelleira, “a consolidación da cidade de Lugo como destino turístico cultural e de calidade”. “O Concello de Lugo seguirá apostando por un sector estratéxico para a cidade”, expresou.

Así, Concepción Burgo explicou que nas catro primeira semanas de xullo, a cidade de Lugo recibiu un total de 4.135 visitantes, 935 máis que o mesmo período do ano anterior. Neste sentido, a concelleira explicou que, ademais de incrementarse o turismo nacional, aumentaron os visitantes estranxeiros, sobre todo os que veñen de Latinoamérica.

En canto ao turismo nacional, a cidade de Lugo está a consolidar un forte turismo doméstico procedente de Madrid, Cataluña ou País Vasco. Apréciase ademais, unha presenza importante de andaluces.

En relación coas visitas teatralizadas, tamén se percibe un repunte, triplicando o número de xente nas dúas primeiras fins de semana de xullo, con respecto aos que participaron na iniciativa o pasado ano. Un repunte que desde a Concellería que dirixe Concepción Burgo se manterá, o que responde a dous feitos: a chegada de máis xente e a maior asistencia de lucenses no mes de agosto.

A concelleira de Cultura e Turismo expuxo que Lugo segue a ser un destino atractivo motivado pola ampla oferta de museos, a Muralla, ou a seguridade da cidade.

Empresa municipal de xestión do turismo
Na súa intervención, a concelleira defendeu a posta en marcha dunha empresa de xestión municipal do turismo, iniciativa na que traballa o Concello e que foi presentada a semana pasada aos grupos políticos con representación, así como aos hosteleiros e á Cámara de Comercio. Concepción Burgo mantivo a necesidade de por en marcha un ente profesional de xestión turística que colabore na consolidación dun sector estratéxico.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova