Imprimir

REMATA O CICLO DE CONCERTOS "ENTRE LUSCO E FUSCO" COA ACTUACIÓN DE NORDESTIÑ@S


28/7/2009 Será o mércores 29 de xullo ás 21:00 horas no Parque de Rosalía de Castro

O ciclo de concertos ao aire libre ‘Entre lusco e fusco’, que durante o mes de xullo achegou á cidade luguesa as actuacións de grupos galegos de diferentes estilos, chega ao seu fin este mércores 29 ás 21:00 horas, coa intervención de Nordestiñ@s no Anfiteatro do parque Rosalía de Castro. Esta iniciativa do convenio Lugo Cultural pretendía recuperar zonas naturais como espazo escénico aberto para a música.

O grupo, composto polas voces galegas de Guadi Galego e Ugia Pedreira e o piano de Abe Rábade, achegará un repertorio mariñeiro do norte, con lembranzas á súa infancia, á música popular dos anos 70 mesturada con composicións propias e pinceladas de jazz postas polo propio Abe Rábade. A escenografía correrá a cargo do artista mindoniense Caxigueiro.

A entrada ao concerto será libre e gratuíta. No caso de choiva, a actuación celebrarase no Auditorio Gustavo Freire, para o que sairían autobuses desde o Instituto Lucus Augusti ás 20:30 horas.