Imprimir

O ALCALDE DE LUGO DEFENDE UNHA XESTIÓN DO TURISMO "MODERNA E PROFESIONAL" E CONFÍA NO ACORDO DUNHA INICIATIVA "ABERTA"


30/7/2009 Destaca que, de non acadar un consenso, o Concello seguirá traballando para impulsar o turismo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, defendeu hoxe unha xestión do turismo “moderna e profesional” baseándose no asesoramento que recomenda a creación dunha empresa mixta de xestión turística. Trátase, como explicou, dun documento que aconsella a creación dunha empresa mixta na que participen o Concello e a iniciativa privada.

Así, explicou que moitos concellos do Estado elixiron esta opción. Neste sentido, referiuse a iniciativas como TurGalicia, da Xunta de Galicia ou ás empresas mixtas creadas nos concellos da Coruña e Santiago.

López Orozco defendeu que o Concello opta por unha iniciativa mixta, na que participe o sector privado, sen ánimo de lucro, a través da Asociación de Hostaleiros e a Cámara de Comercio. Isto permitirá, destacou, “que todos os beneficios revirtan na mellora continua da empresa co fin de aumentar o turismo”.

O Alcalde de Lugo explicou que a iniciativa presentada á oposición e ao sector privado responde a un proxecto aberto á suxestión “co fin de mellorar o que presentamos”.

Confiou na capacidade das partes para chegar a un acordo e mellorar así o texto presentado. No caso contrario, expuxo, “o Goberno seguirá traballando nesa liña. Sen empresas fomos quen de facer que o turismo aumentara co cal seguiremos nese camiño”, concluíu.