Cargando....
Concello de Lugo
01/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor recibiu un total de 666 consultas e 329 reclamacións no primeiro semestre do ano


# Martes, 04/08/2009
* As principais consultas e reclamacións versan sobre a facturación eléctrica, destronando aos temas sobre telefonía móbil e fixa

Imaxe Asociada Luisa Zarzuela
* As chamadas ao 010 no primeiro semestre do ano xa superan o total rexistrado en 2008

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, deu conta esta mañá dos datos rexistrados pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello de Lugo que recibiu 666 consultas e 329 reclamacións no primeiro semestre do ano. Así, pasaron polo OMIC para facer reclamacións ou realizar consultas preto de 1.000 cidadáns.

Os datos reflicten un aumento significativo en relación coas cifras do mesmo semestre do ano anterior. Así, as consultas aumentaron un 26% con respecto ao mesmo período de 2008 e as reclamacións un 35%.

Entre as novidades, Luisa Zarzuela referiuse ás consultas e reclamacións en relación coa tarificación eléctrica que, por vez primeira, superan as consultas sobre as empresas de telefónia tanto móbil como fixa. Así, o 30% das consultas corresponden coas tarifas eléctricas, ao igual que o 35% das reclamacións. Pasouse das 28 ás 216 consultas e das 8 ás 105 reclamacións por temas relacionados coas eléctricas.

A telefonía fixa e móbil recolleron 101 consultas e 79 reclamacións, o que supón o 15% do total e o 25% respectivamente.

En 2009 rexistráronse un total de 564 consultas sobre servizos, fronte ás 377 do ano 2008. En relación coas reclamacións, houbo 292 sobre servizos, fronte ás 150 de 2008. En canto aos productos, houbo 102 consultas, fronte ás 151 do ano 2008 e 37 reclamacións, fronte ás 62 do pasado ano.

Tal e como explicou a Concelleira, a maioría das consultas corresponden cunha atención directa, mentres que as consultas por internet foron 13 neste semestre.

010
Sobre os datos do número de información 010, Luisa Zarzuela destacou que no que levamos de ano se teñen superado as cifras de todo o 2008. Neste sentido, este semestre houbo un total de 42.622 chamadas, case 5.000 máis que en todo o ano pasado. Os datos, explicou a Concelleira, teñen que ver con acontecementos como o Arde Lucus, o furacán Klaus, ou as citas para informarse sobre o PXOM, días nos que se incrementou o número de chamadas de xeito excepcional.

O 010 é un servizo de atención telefónica que achega a administración aos cidadáns. Presta o seu servizo en horario de 08,30 a 20,30 e os sábados de 09,00 a 14,00 horas. Ademais, conta cun servizo de atención virtual a través do cal se poden realizar consultas as 24 horas do día.

OMIC
O Concello, consciente de que o consumo é un dos feitos máis habituais na nosa vida, considera importante que a cidadanía coñeza os seus dereitos e obrigas nas relacións de consumo. Tamén é importante que os veciños e veciñas realicen un consumo racional e responsable.

Por iso, o Concello de Lugo pon á disposición dos consumidores a OMIC. É a oficina que ten a administración local e que ofrece o servizo de información, axuda e asesoramento aos consumidores e usuarios para o axeitado exercicio dos seus dereitos en materia de consumo.

O incremento paulatino dos datos derivados da OMIC e do 010 veñen a demostrar, en palabras de Luisa Zarzuela, unha consolidación de ambos os servizos e unha preocupación do Concello de Lugo por resolver as dúbidas e suxestións que os cidadáns teñen en relación coa administración local.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova