*Ao final do período de rehabilitación veranse beneficiadas pola actuación do Concello máis de 400 familias
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o director territorial de Caixa Galicia en Lugo, Walter Álvarez, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración no que se establecía unha liña de financiamento ao favor dos veciños e propietaros do ámbito comprendido polo deniminado A.R.I. do Sagrado Corazón. O 40% dos veciños tramitaron as axudas ao abeiro do convenio en 2008. Así mesmo, ao final do período de rehabilitación veranse beneficiadas pola actuación do Concello máis de 400 familias, a práctica totalidade das existentes.
Tal e como destacou o Alcalde de Lugo máis de 400 familias, case a totalidade dos propietarios, teñen as obras feitas ou en proceso. “Foi un logro grazas aos veciños e cando estea culminada a rehabilitación seguiremos co barrio de Montirón”, explicou.
Así, a través da addenda ao convenio, este prorrógase ata o 30 de abril de 2010. Este convenio encádrase nos plans de recuperación de vivendas e edificacións catalogadas, especialmente no barrio de Sagrado Corazón.
O obxectivo é rehabilitar o barrio, revitalizalo, recuperar poboación e a boa calidade de vida. Coa sinatura da addenda o Alcalde mantén o seu compromiso cos veciños de subvencionar ata o 80% do orzamento das obras a realizar. Para o 20% restante –que correrá a cargo dos veciños- asínase hoxe esta addenda para que sexa ao mínimo interese posible e que mesmo poidan recibir créditos ata que non perciban as subvencións do Ministerio de Vivenda e da Consellería.
Condicións do préstamo
Coa sinatura deste Convenio, Caixa Galicia comprométese coa creación dunhas liñas de préstamos especiais para os veciños:
Os beneficiarios deberán acreditar os permisos e licenzas municipais, así como proxectos de rehabilitación e no seu caso aquelas subvencións e/ou axudas que puidesen obter de calquera Entidade ou Organismo Público para este fin.
As subvencións domiciliaranse irrevogablemente nunha conta do solicitante que manteña aberta en Caixa Galicia. A Caixa resérvase a facultade de aprobación ou denegación destas operacións, de acordo cos criterios e procedementos habituais.
As tarifas aplicables son as seguintes:
PRÉSTAMO CON GARANTÍA HIPOTECARIA:
Importe: Ata o 80% do valor de taxación do inmoble ou 100% do presuposto de rehabilitación. Máx. 70.000 euros.
Prazo: Ata 20 anos. Idade máx. recomendada do solicitante 55 anos.
Interese:
Variable anualmente: Tipo inicial: 3,50% durante 6 meses.
Seguintes: Euribor ano +2 (*)
Comisións: Apertura 0,75 %
Estudarase singularmente a subrogación a herdeiros nesta tipoloxía de empréstitos.
PRÉSTAMO PERSOAL:
Importe: Ata 100% do presuposto. Se se usa como empréstito ponte máx. 70.000,00€
Prazo: Ata 8 anos (incluído unha carencia máxima de 2 anos)
Interese:
Variable anualmente. Tipo inicial 5,50%.
Seguintes: Euribor ano +3%
Comisións: Apertura 0,75%
CONTA CORRENTE DE CRÉDITO - ANTICIPO SUBVENCIÓNS
Importe: Ata 100% da subvención concedida
Prazo: Ata recepción subvención. Máximo 1 ano
Interese:
Variable trimestralmente. Tipo inicial: 5,50% 1 er trimestre.
Seguintes: Euribor ano +1,25%
Comisións: Apertura 0,50%
A Caixa resérvase a facultade de esixir as garantías que considere procedentes.
PROCEDEMENTO OPERATIVO:
A vixencia das condicións do Convenio citado de rehabilitación de vivendas, circunscríbese unicamente á zona do Sagrado Corazón.
Para as vivendas das zonas sinaladas o Concello de Lugo ten habilitadas subvencións que poderán alcanzar ata o 80% do presuposto das obras a realizar e o anticipo das cales poderán ser financiadas mediante Conta Corrente de Crédito - Anticipo de Subvencións, para iso establécese o seguinte procedemento:
1- O interesado presentará solicitude na Área de Urbanismo e Rehabilitación do Concello,
2- realizados os trámites oportunos, comunicaráselle a proposta de resolución inicial.
Obterase a oportuna Licenza de Obra
3- Presentación de resolución inicial e licenza a Caixa Galicia para tramitación do Crédito ponte - anticipo de subvencións.
4- O Concello a través da súa Área de Urbanismo e Rehabilitación. Comprobará a execución da obras e dará o Visto Bo ás facturas, que servirá para que Caixa Galicia autorice a disposición do Crédito para o seu pagamento.
5- Finalizadas as obras e comprobada a súa correcta execución, o Concello resolverá definitivamente o expediente, concedendo a subvención sobre os pagamentos acreditados, mediante Resolución Definitiva.
O Concello iniciará o expediente de Pagamento da subvención, que se resolverá nun prazo máximo de 3 meses.
O pagamento da subvención realizarase mediante abono á Conta Corrente de Crédito aberta por Caixa Galicia ao solicitante, que se aplicará á cancelación do devandito crédito que terá que realizar o interesado simultaneamente, co pagamento dos intereses xerados.
Para financiar a parte non subvencionada, os propietarios das vivendas poderán acudir a calquera das outras modalidades de préstamo establecidas neste Convenio.
As subvencións domiciliaranse irrevogablemente nunha conta do solicitante que manteña aberta en Caixa Galicia. A Caixa resérvase a facultade de aprobación ou denegación destas operacións, de acordo cos criterios e procedementos habituais.
Sagrado Corazón
O polígono do Sagrado Corazón, tal e como explicou López Orozco, edificouse na segunda metade do século XX, respondendo a un problema severo de falta de vivenda naquel momento. Foi promovido pola antiga Caja de Ahorros da Coruña e Lugo e proxectado por un arquitecto de recoñecido prestixio: Efrén García Fernández.
A súa construción comezou no 1967. Conta, a día de hoxe, con 25 edificios de uso residencial con 340 vivendas e 569 veciños, á marxe das construcións dotacionais. O 92% dos edificios teñen unha antigüidade superior aos 30 anos, sen embargo, a calidade das construcións é boa, polo que a rehabilitación integral será conservadora.
O importe da subvención por vivenda é de 11.250 euros dos que 9.000 son aportados polas administracións.