Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo abre o prazo para a 10ª fase de rehabilitación de vivendas do Casco Histórico


# Luns, 17/08/2009
* Con esta nova convocatoria suman xa 350 as vivendas que se benefician das axudas desde a súa primeira edición
* María Novo salienta a importancia de manter o patrimonio construído


Imaxe Asociada
A Delegada de Urbanismo, María Novo, deu conta esta mañá da convocatoria da 10ª fase das axudas á rehabilitación de vivendas no casco histórico de Lugo que comezou o pasado venres 14 de xullo e permanecerá aberta ata o próximo 14 de outubro. A xestión das axudas correrá ao cargo da empresa municipal EVISLUSA.

Tal e como destacou María Novo, a continuidade desta liña de axudas acredita a aposta do Goberno Local pola rehabilitación, así como a importante resposta dos cidadáns con esta medida. A Delegada de Urbanismo subliña a importancia que en urbanismo ten o mantemento do patrimonio construído. “É certo que temos que crecer e planificar novas actuacións pero tamén é moi importante manter o patrimonio construído, máxime nunha cidade como a nosa que ten unha riqueza patrimonial tan significativa”, destacou.

Desde a posta en marcha desta liña de axudas á rehabilitación de vivendas do centro histórico téñense beneficiado da subvención 350 vivendas, aínda que os datos se poden duplicar, tal e como explicou María Novo, posto que moitas das peticións de axuda non alcanzan as contías máximas sendo estas distribuídas a outras vivendas. As axudas deste ano beneficiarán a 50 vivendas ou edificios.

Entre as novidades que recolle a convocatoria deste ano, María Novo referiuse á incorporación da ITE nas bases das axudas. Así, os edificios que pretendan facer obras de rehabilitación e non teñan pasada a Inspección Técnica de Edificios non poderán recibir subvención.

Rehabilitación de edificios ou de vivendas
Para poder optar á subvención, as vivendas rehabilitadas deberán destinarse a residencia habitual e permanente do propietario ou ao aluguer. Existen dúas modalidade de rehabilitación: de edificios e rehabilitación de vivendas.

No caso dos edificios serán subvencionables as actuacións nos elementos comúns das edificacións tales como a adecuación do acceso para as persoas con discapacidade, adecuación ás condicións de protección fronte a incendios, adecuacións ás condicións de ornato e salubridade, estanquidade fronte á chuvia, seguranza estrutural, adecuación de evacuación de auga de chuvia e saneamento e adecuación dos sistemas de aforro enerxético.

No caso das vivendas serán subvencionables as seguintes actuacións: accesibilidade de persoas con discapacidade; existencia e correcto funcionamento de servizos sanitarios e cociñas; existencia e correcto funcionamento de instalacións eléctricas; existencia e correcto funcionamento de instalacións de saneamento e fontanería; existencia e correcto funcionamento de sistema de calefacción; existencia e correcto funcionamento de extracción de fumes e ventilación; illamento térmico; illamento acústico, adecuación distribución de espazos interiores; iluminados e ventilados, e sistemas de aforro enerxético.

Para a concesión das axudas económicas terán preferencia en primeiro lugar os edificios catalogados sobre os non catalogados, segundo a seguinte orde: primeiro os situados na zona do Burgo Medieval, seguidos polos situados na zona do Ensanche decimonónico e os da zona do ensanche recente. A continuación irán os non catalogados.

Contía da subvención
A axuda económica poderá alcanzar un importe máximo do 80 por 100 do orzamento protexido das obras de rehabilitación de edificios e vivendas, cunha contía máxima por vivenda subvencionada de 11.000 euros. As axudas son compatibles con outras da Administración Local ou doutras Administracións.

Ligazóns de interese:


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova