Cargando....
Concello de Lugo
28/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo crea unha Comisión Interna para a coordinación de protocolos e actuacións sobre a gripe A


# Mércores, 19/08/2009
A Xunta de Goberno Local abre o procedemento de adxudicación do concerto para a prestación do servizo municipal de sacrificio de gando

Imaxe Asociada
O Concello de Lugo creará unha Comisión Interna para a coordinación de protocolos e actuacións relativas á incidencia da gripe A (NIH1) no persoal municipal, segundo indicou hoxe o Voceiro do equipo de Goberno, José Rábade. Esta creación foi aprobada esta mañá na Xunta de Goberno Local co obxectivo de levar a cabo as accións que as autoridades sanitarias indiquen ao Concello en relación coa Gripe A.

A intención do Concello é a de estar preparados para actuar no caso de necesitarse, para unha mellor coordinación dos protocolos, actuacións e recomendacións da administración competente (Consellería de Sanidade) de cara a avaliar e paliar a incidencia que a epidemia puidese ter no noso contexto laboral.

Esta Comisión estará composta polo Alcalde (que a presidirá), a Concelleira de Servizos Xerais, o Concelleiro de Protección da Comunidade, e un Concelleiro do PSOE, outro do PP e outro do BNG. Ademais participarán nesta Comisión a médico do Concello, a responsable do Servizo de Prevención de Riscos, a Xefa do servizo de Persoal, o Presidente do Comité de Empresa e o Presidente da Xunta de Persoal.

O Concelleiro indicou que a intención do Goberno Local do Concello de Lugo é a de actuar de xeito previsor, coordinándose coas autoridades e axentes que teñen a competencia sanitaria sobre a gripe en todo momento.
 
Rábade fixo, ademais, un chamamento á prudencia “porque non ten porqué converterse nunha pandemia”.

Pola súa banda a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, explicou que a Xunta de Goberno aprobou tamén a apertura do procedemento de adxudicación da contratación dun concerto para a prestación do servizo municipal de sacrificio de gando no Concello de Lugo. Méndez indicou que se aprobaron os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como do gasto e a adxudicación por procedemento aberto.

Trátase dun concurso público ao que se poden presentar as empresas que cumpran os requisitos establecidos e o servizo prestarase en modalidade de concerto. A partir da publicación do concurso as empresas contarán cun prazo de 15 días para presentarse, e despois comprobaranse as condicións de cada unha delas e procederase a adxudicación ao mesmo tempo que se resolve o contrato coa actual adxudicataria do concerto.

Máis asuntos
Por outra parte, os membros da Xunta de Goberno Local aprobaron tamén un total de 5 licenzas de obra, a modificación parcial da ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar para adaptala á Lei da Dependencia, así como a aprobación inicial da ordenanza reguladora do réxime de funcionamento da casa das linguas que recolle os dereitos, obrigas e condicións segundo as que poderán ser utilizadas as instalacións.

Ademais, a Xunta de Goberno ratificou a selección dos admitidos para a segunda fase do concurso para a redacción do proxecto, dirección de obra e coordinación en materia de seguridade e saúde, durante a execución das obras de rehabilitación do antigo cárcere de Lugo incluído dentro do Plan Urban. Convidarase a presentar as propostas de anteproxectos aos seguintes participantes seleccionados polo xurado que obtiveron a maior puntuación na primeira fase:

1.- Ignacio Mandaro Corsini
2.-Creuse Carrasco Arquitectos S.L.P.
3.- Alfredo Freixedo Alemparte.
4.- José Luis Pereiro Alonso.
5.- Alfonso Penela Fernández.

O prazo para a presentación dos anteproxectos será de 45 días a contar dende o día seguinte ao de publicación da acta do xurado no Taboleiro de Anuncios e no perfil do contratante no portal web do Concello de Lugo.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova