Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo investiu 438.252 euros no curso 2008-2009 en actividades escolares


# Venres, 21/08/2009
* Nas diferentes iniciativas desenvolvidas desde o Executivo Local participaron máis de 40.000 alumnos
* Avanza que xa está aberto o prazo para solicitar axudas para os libros de texto para o curso 2009-2010


Imaxe Asociada
A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, deu conta esta mañá da memoria de actividades desenvolvidas desde o seu departamento no curso 2008-2009, actividades nas que o Concello de Lugo realizou un investimento de 438.252 euros e nas que participaron máis de 40.000 alumnos dos diferentes centros da cidade.

As actividades levadas a cabo pola Concellería dividíronse en extraescolares, formativas, divulgativas e conmemorativas.

Entre as actividades realizadas pola Concellería de Educación que dirixe Dolores Vieiro as de maior éxito de participación e acollida teñen que ver coas probas de xadrez, o teatro en inglés e o grecolatino ou o Goberno Infantil Municipal.

Do 9 ao 11 de marzo o Gustavo Freire acolleu un festival de teatro grecolatino no que participaron 4.500 alumnos de BAC procedentes da capital e provincia de Lugo, así como de Asturias e León. Outra das actividades foi a de iniciación ao teatro e as artes escénicas.

Dolores Vieiro referiuse así ao programa de Xadrez que se desenvolveu polas prazas e rúas da cidade. Contou cun orzamento de 12.000 euros e nel participaron 4.815 persoas. Dentro do programa de xadrez atopamos diferentes actividades: torneo de xadrez no Nadal, torneo de xadrez no entroido, torneo de xadrez intercentros, torneo de xadrez de Semana Santa, festa do xadrez, xadrez na escola, escola de perfeccionamento, campamento de xadrez e viaxe pola historia do xadrez, entre outras.

No segundo e terceiro trimestre do curso desenvolvéronse os hortos escolares nos que participaron 900 alumnos. O principal obxectivo foi achegar aos nenos de educación infantil ao contorno natural. En cada escola transformouse unha parte do terreo nunha horta planificada para o traballo cos alumnos.

Entre decembro e xuño levouse a cabo o Goberno Infantil no que participaron 400 rapaces de 5º e 6º de Educación Primaria. Os membros do VI Goberno Infantil trataron diversos aspectos da cidade, ao tempo que se levou a cabo a visita do concelleiro adulto ao colexio.

Do 14 de outubro ao 27 de novembro desenvolveuse a XVIII Mostra de Teatro Infantil que se celebrou no Auditorio Gustavo Freire e no Centro Social de Fingoi. Participaron un total de 5.138 rapaces de educación infantil e primaria. Foi, tal e como explicou a Concelleira, unha das actividades de maior éxito.

No mes de novembro, 60 alumnos de entre 12 e 18 anos participaron no XIV certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo.

Formación do profesorado
O IES Politécnico e o IES Nosa Sra. Ollos Grandes acolleron os cursos de formación do profesorado que trataron sobre ferramentas informáticas aplicadas á educación, encontros do profesorado do ensino obrigatorio, elaboración do plan lector, atención á diversidade ou Plan Tic, entre outros.

Así mesmo, nos meses de marzo e abril desenvolveuse a escola de nais e pais que contou con 320 asistentes. A actividade levouse a cabo na Aula multiusos de educación López Mella e no CSM Uxío Novoneyra. Realizaron as seguintes actividades: aprender a educar, presentación dos libros do Dr. Estivill: A jugar e duérmete niño, impresión de carteis e dípticos informativos sobre xornadas da asociación Bule Bule.

Outras actividades
Do 26 ao 30 de abril desenvolveuse o programa de animación á lectura no que participaron 4.774 alumnos. Levouse a cabo no Centro Social de Fingoi e nos centros escolares para os alumnos de educación infantil, primaria e secundaria. A actividade incluía a actuación dun contacontos e a dotación de libros para os centros escolares.

No mes de maio acometeuse a semana da oralidade 2009 na que participaron 1.000 alumnos de primaria. Recolleu actuacións de contacontos para fomentar e dar a coñecer a tradición oral galega.

O 29 de abril celebrouse un espectáculo de teatro xuvenil no auditorio municipal no que participaron 1.000 alumnos de ESO e BAC. A obra foi representada integramente en inglés por nativos de Gran Bretaña mostrando unha historia sinxela, música e comedia.

Fin de curso
Como remate do curso escolar a Concellería de Educación organizou un festival de Danzas o día 31 de maio, así como un festival de patinaxe día 6 de maio e o festival de xadrez o 31 de xuño. Participaron nas actividades de fin de curso preto de 500 rapaces. Foron actividades destinadas aos nenos de infantil e primaria que se desenvolveron no centro histórico da cidade.

No curso escolar 2008-2009 desenvolveuse nos propios centros e no Parque Infantil de Tráfico diferentes actividades en materia de seguridade viaria, condución segura, etc. Participaron na oferta os alumnos de infantil, primaria e ESO.

Encontro XXIII Galego-portugués de educadores pola paz
O destinatario foi o persoal docente no que participaron un total de 250 docentes. Con esta actividade cúmprense 23 anos de encontros galego-portugueses de educadores e educadoras pola paz reunindo a profesionais da ensinanza para tratar temas de actualidade e problemática social desde unha perspectiva educadora.

Correlingua
Un total de 1700 alumnos de primaria e ESO participaron nas rúas e prazas da cidade no Correlingua, programa que ten como obxectivo proxectar nos centros de ensino unha actividade lúdica e común a prol da normalización do galego, reclamando unha maior proxección social, consistente en actividades lúdico deportivas, concurso para centros escolares, etc.

No primeiro trimestre do curso o auditorio municipal acolleu un programa de concertos de jazz no que participaron 715 alumnos de ESO.

Así mesmo, desenvolvéronse impresións gráficas (cadernos de literatura galega na escola), e actividades extraescolares e programa como danza, patinaxe, contacontos, títeres, baile moderno, gaita, manualidades, pintura e teatro. Déuselle continuidade á Escola Aberta: oferta de servizos de almorzos e comedor nos horarios anteriores ao comezo das clases.

Descargar a Memoria de Actividades de Educación 2008-2009 (arquivo PDF)

Axudas aos libros de texto
A Concelleira de Educación informou, ademais, da apertura do prazo para solicitar axudas para os libros de texto do curso 2009-2010.

Descargar a Solicitude de Bolsas Escolares 2009-2010 (arquivo PDF)
Descargar Bases BOP Solicitude Bolsas Escolares 2009-2010 (arquivo PDF)

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova