Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo subliña que o traballo das mulleres empresarias galegas "representan o espíritu emprendedor que necesitamos para reactivar a nosa economía"


# Martes, 01/09/2009
López Orozco visitou a exposición Pioneiras: Mulleres Empresarias Galegas que permanecerá no CEI ata o 15 de setembro

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, visitaron este mañá a exposición Pioneiras: Mulleres Empresarias Galegas, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade e instalada no CEI-NODUS do Concello de Lugo. López Orozco subliñou o traballo das mulleres empresarias galegas que “representan o espíritu emprendedor que necesitamos para reactivar a nosa economía”. “As mulleres son o mellor exemplo na creación de emprego en todos os ámbitos, son pioneiras na vida do traballo e no desenvolvemento empresarial”, indicou.

A mostra poderá visitarse na segunda planta do CEI desde hoxe e ata o 15 de setembro en horario de 08,30 a 20,00 horas. O Alcalde de Lugo destacou que se elixira o espazo do CEI para a ubicación da mostra co fin de animar aos emprendedores/as a que desenvolvan a súa actividade.

Esta mostra é unha homenaxe a 20 mulleres galegas que abriron camiño en moi diversas áreas e actividades, pero especialmente no mundo empresarial. É un recoñecemento ao seu esforzo e sacrificio, que permitiu chegar á situación actual das mulleres que abriron o camiño da emancipación.

Contido da exposición:
- PIONEIRAS: mulleres que inician a exploración de novas terras, que van abrindo camiño a outras en calquera actividade.

Na terra das “viúvas de vivos e mortos”, mentres tantos homes galegos exploraban novos horizontes xeográficos na procura do pan, moitas mulleres galegas ficaban a explorar novos horizontes persoais sen se mover da terra, emprendendo aventuras económicas que non estaban incluídas no papel asignado a elas polos roles de xénero da época e que tiveron ás veces grande éxito que perdura na actualidade.

A súa memoria foi esquecida ou escurecida, as veces polo momento en que viviron, como as que desenvolveron a súa actividade na República ou no franquismo, outras veces polos lugares onde realizaron o seu traballo ou polo sector no que traballaron. A memoria de todas elas foi escurecida porque conxugaron transgredindo o verbo emprender en feminino, eran mulleres e eran empresarias.

Abriron camiño a outras, a moitas mulleres galegas que transitan hoxe o emprendemento, moitas máis, moito mais visíbeis, moito mais recoñecidas pero sorteando aínda moitas dificultades polo feito mesmo de seren mulleres.
 
Maior representación da muller
Con esta exposición exprésase tamén a vontade e o compromiso de construír redes. Redes que lles permitan intercambiar experiencias e facer negocio. Que sexan útiles para transmitir as necesidades a quen ten a responsabilidade de resolvelas. Que colaboren en facer medrar o protagonismo feminino na representación do empresariado.

Redes tamén no tempo, que fagan sentir ás mulleres novas que emprenden que non están ante un abismo descoñecido, que outras mulleres do seu país antes que elas o intentaron, moitas triunfaron e todas merecen ser recoñecidas e lembradas.

Con esta exposición quérese reivindicar as súas caras, as súas historias, as súas memorias, o seu esforzo para poñer en marcha ideas e convertelas en riqueza para elas e para os seus países.

Exposición en: CEI-NODUS (Centro de Empresas e Inovación, Avda. da Coruña, 490 - 27003 Lugo )
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova