Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo mantén o equilibrio presupostario e traballa na elaboración dunhas contas "serias e adaptadas ás circunstancias"


# Martes, 01/09/2009
* A Concelleira de Economía e Emprego subliña que non subirán os impostos do IBI nin o de IVTE
* Destaca que se manterá o gasto social e se seguirán prestando os mesmos servizos


Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deu conta esta mañá do nivel de execución do presuposto no primeiro semestre do ano 2009. Así, destacou que o Concello de Lugo mantén o equilibrio presupostario, ao tempo que avanzou que o Goberno Local traballa na elaboración dunhas contas para o 2010 “serias e adaptadas ás circunstancias que viven os concellos”.

Tras a reunión da Comisión de Contas celebrada esta mañá, Sonia Méndez explicou que o gasto comprometido a 30 de xuño é de 69.955.014 euros, o 44% do orzamento. Así, o 66% corresponde ao gasto corrente e o 38% ao capítulo de inversión.

A situación de equilibrio presupostario do Concello de Lugo mantense, tal e como reflicten os datos: as obrigas recoñecidas atópanse no 22% mentres que os dereitos alcanzan o 31% (34.850.000 euros e 50.064.000 euros respectivamente).

Esforzo pola redución do gasto
A Concelleira destacou o esforzo levado a cabo polo Executivo Local para manter o equilibrio nun ano no que, por mor da crise, houbo que reducir o gasto e adoptar medidas que permitisen non entrar en déficit. Deste xeito, explicou Sonia Méndez, optouse por bloquear o 30% da partida de gastos diversos, “disminuiuse o gasto para que este non sobrepasase aos ingresos e así manter o equilibrio”, expuxo.

Neste sentido, Sonia Méndez explicou que o Executivo Local traballa xa na elaboración duns orzamentos “máis reducidos, serios e adaptados ás circunstancias que viven os concellos”.

Recadación
En canto á recadación, a Concelleira expuxo que os ingresos que descenderon foron aqueles relacionados co sector da construción. Pola contra, salientou, o resto “están a ter un bo comportamento”. Así, aumentou a recadación polas licenzas de actividade mentres que o imposto de vehículos ou as taxas correspondentes á auga, lixo e alcantarillado se atopan nos índices do ano pasado.

Neste sentido, Sonia Méndez fixo fincapé no feito de que o Goberno Local non reducirá o gasto social pese á contención orzamentaria. “Vaise manter o gasto social e prestaranse os servizos que se veñen prestando”. “O Concello de Lugo seguirá sendo pioneiro en gasto social en España”, resaltou.

Así mesmo, Sonia Méndez lanzou unha mensaxe de tranquilidade con respecto aos datos económicos salientando que “o importante son as actividades, os servizos e as obras e esas, manteranse”, expuxo. Neste sentido, subliñou o esforzo do Goberno de Zapatero por realizar investimentos nos concellos a través dun segundo Plan E que lles permita realizar máis actuacións enfocadas á nova economía.

Impostos
Sonia Méndez explicou que o Concello de Lugo non subirá os impostos do IBI nin o IVTM o ano próximo, se ben, se estudarán o resto das taxas para a súa posible actualización.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova