Cargando....
Concello de Lugo
16/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo abrirá de novo o prazo para presentar anteproxectos para a peonización de San Marcos logo de quedar deserto o concurso


# Martes, 08/09/2009


Imaxe Asociada
O Concello de Lugo aprobará a semana próxima na Xunta de Goberno a apertura dun novo prazo para a peonización de San Marcos logo de quedar deserto o concurso convocado recentemente. Os anteproxectos valorados hoxe polo xurado non reunían a calidade establecida nas bases, polo que non acadaron a puntuación mínima requirida, 50 puntos dos 80 totais.

A partir da apertura das bases haberá 30 días para presentar anteproxectos. O Concello de Lugo espera que este novo proceso permita contar con máis ideas, máis propostas e de maior calidade. “Un proxecto que contribúa na idea de cidade que queremos, moderna e á altura doutras cidades europeas”, sinala Sonia Méndez, Concelleira de Economía e Emprego.

Orixe do proxecto
Unha das prioridades de intervención da memoria do Proxecto de Iniciativa Urbana (URBAN) aprobado para Lugo é a recuperación dos espazos públicos.

A intervención proposta consiste na peonalización da rúa San Marcos, a execución dunha praza fronte ao edificio da Deputación Provincial, integrando na trama urbana os carris laterais deste edificio e a adecuación dos xardíns como zona de estancia, así como a súa inclusión no denominado paseo interior da Muralla.

Todas estas actuacións inclúense no Proxecto Urban que conta cun 70% de cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER). As propostas presentadas non excederán da cantidade de 1.650.000 euros.

Na rúa San Marcos é onde se enmarca unha das actuacións máis ambiciosas do plan Urban e que afectará á zona da fachada do Pazo de San Marcos, a peonalización desa rúa -que se fará atendendo ao Plan de Mobilidade que está a elaborar o Concello-, aos calexóns laterais e á traseira que coincide coa Muralla.

O obxectivo é que con esta proposta gañe o conxunto da cidade cun gran paseo entre o fondo dos cantóns e a chegada á Praza do Ferrol.

As actuacións previstas permitirán executar unha gran aposta e un compromiso asumido polo Alcalde e o Presidente provincial cos veciños e veciñas de Lugo, que contarán cunha gran praza diante do edificio da Deputación, acceso aos xardíns traseiros e estase a negociar a apertura dun tramo máis do Paseo interior da Muralla.
A intervención que se fará sobre esta zona incluirá as seguintes accións:

1) A peonalización da rúa.

2) A recuperación e adecuación dos calexóns que conectan a rúa de San Marcos coa Muralla nos laterais do edificio da Deputación.

3) A adecuación dos xardíns da Deputación como zona de estancia dotándoo de mobiliario urbano. Recuperan desta forma espazos verdes e ábrense espazos públicos descoñecidos para os veciños e veciñas

4) Dar continuidade ao paseo interior da Muralla a través dos xardíns da Deputación.

Ampliar información sobre o Proxecto Urban


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova