Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo traslada a súa satisfacción tras a reunión con Fomento que permitirá "avanzar nun acordo entre todos os axentes implicados para a modernización da cidade"


# Mércores, 09/09/2009
* Fomento encargará un estudio complementario ao que existe sobre o AVE para iniciar os trámites de construción da estación intermodal

* Na reunión avanzouse que haberá un encontro coa Xunta de Galicia, administración necesaria, para analizar o proxecto de estación intermodal no marco do acordo sobre o AVE a Galicia
* Avanza que os técnicos de Adif visitarán Lugo nun breve prazo de tempo para continuar os estudos sobre o terreo
* López Orozco desprazouse a Madrid onde mantivo unha xuntanza co secretario de Estado de Infraestruturas e o presidente de Adif, entre outros
* Destaca que Lugo ten a oportunidade de “ser unha cidade que modernice as súas infraestruturas e as poña á altura do século XXI”


O Alcalde de Lugo traslada a súa satisfacción coa reunión mantida esta mañá en Madrid sobre a estación intermodal cos representantes do Ministerio que permitirá “avanzar nun acordo que signifique a modernización da cidade”. Neste sentido, López Orozco salienta a colaboración que se establecerá entre as institucións, onde será necesario o apoio da Xunta de Galicia, para acometer un proxecto que supoña a entrada da cidade no século XXI. “Temos unha grande oportunidade de ser unha cidade que modernice as súas infraestruturas e ás poña á altura deste século” expuxo.

Así mesmo, destaca que na reunión se tomaron “decisións importantes”, ao tempo que se evidenciou o interese da administración local e da do Estado por traballar nesta nova infraestrutura viaria, “onde tamén esperamos contar co apoio das Xunta de Galicia”, expuxo.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo esta mañá unha reunión no Ministerio de Fomento que dirixe José Blanco, para avanzar no proxecto da estación intermodal. López Orozco salienta que con esta xuntanza “continúa o traballo para que Lugo teña estación intermodal”, unha infraestrutura que permitirá que a cidade estea ao nivel doutras europeas en materia de comunicacións.

O Alcalde de Lugo valora moi positivamente os acordos alcanzados na xuntanza. Entre eles, referiuse a que proximamente o Ministerio de Fomento manterá un encontro coa Xunta de Galicia para analizar o proxecto da estación intermodal de Lugo no marco do acordo sobre o AVE e as novas infraestruturas viarias á comunidade. O Ministerio de Fomento manifestaralle á Xunta de Galicia o seu interese e o do Concello de Lugo en relación coa construción desta nova infraestrutura que permitirá darlle unha nova e maior proxección á cidade.

Así mesmo, na reunión acordouse que o Ministerio encargará un estudo complementario ao estudo informativo de alta velocidade Ourense-Monforte-Lugo que xa existe sobre a chegada do AVE onde se recolla a construción da estación intermodal para a cidade. O estudo recollerá as necesidades que plantea a nova infraestrutura viaria e os cambios urbanísticos que conlevará a súa realización.

En terceiro lugar, na xuntanza acordouse fixar por parte do Ministerio, xunto co Goberno galego, as reunións da comisión específica para a integración do AVE na cidade. Neste sentido, técnicos de Adif visitarán Lugo nun breve prazo de tempo para continuar o traballo sobre o terreo.

López Orozco subliña que este proxecto, moi ambicioso, “cambiará a imaxe e as posibilidades desta zona da cidade, ao tempo que revitalizará dun xeito extraordinario barrios como a Estación, o Sagrado Corazón ou As Gándaras, polos que o Equipo de Goberno apostou claramente desde a súa chegada ao Concello”.

O Alcalde de Lugo explica que manterá puntualmente informados a todos os grupos políticos con representación no Concello, así como ao Consello Económico e Social da cidade para que teñan todos os datos sobre a evolución da estación intermodal e a súa construción.

Na reunión, que se celebrou no Ministerio de Fomento, estiveron presentes, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Secretario de Estado de Infraestructuras y Planificación, Víctor Morlán, así como o presidente de Adif, Antonio González, e o director xeral de Renfe.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova