Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ELABORARÁ UN PLAN DE ACTUACIÓN PREVENTIVO EN RELACIÓN COA GRIPE A


10/9/2009 * As medidas preventivas que se adopten acometeranse en relación aos traballadores do Concello e respectando en todo momento as directrices sanitarias existentes

* O Equipo de Goberno, os grupos políticos e os técnicos municipais crearán unha subcomisión que recollerá as ideas para a elaboración do plan
* O plan estará suxeito aos acordos que se alcancen entre a Xunta e a Fegamp o próximo 16 de setembro



O Concello de Lugo acolleu hoxe unha reunión da comisión especial sobre a Gripe A creada nos pasados días. Na reunión, presidida polo Alcalde, José López Orozco, acordouse por unanimidade elaborar un plan de actuación preventivo en relación coa Gripe A e que afectará ao persoal municipal. Así, decidiuse crear unha subcomisión integrada por persoal técnico-sanitario e representantes dos grupos políticos expertos na materia, que recollerá ideas para acometer o plan de actuación.

Así mesmo, e para non interferir nas políticas sanitarias nas que se está a traballar por parte da Consellería de Sanidade, as medidas preventivas que se adopten acometeranse en relación aos traballadores do Concello e respectando en todo momento as directrices sanitarias existentes.

Deste xeito, na reunión acordouse, así mesmo, redactar o plan de actuación preventivo e pechalo logo da reunión que manterá a Consellería de Educación coa Fegamp o próximo día 16 de setembro. O Concello elaborará o seu plan tendo en conta as conclusións que se tiren desta reunión e actuará seguindo as directrices marcadas pola Fegamp e Sanidade en relación coa prevención da Gripe A.

Información aos traballadores
O plan no que traballa o Concello recolle ademais accións de comunicación e información para que o persoal municipal coñeza as medidas que se porán en marcha. Así, colocaranse carteis, pendurarase a información da web institucional e mandarase un dípticos coas accións a seguir con cada unha das nóminas que emite o Concello.

Neste sentido, ademais, pediráselle ás empresas que traballan para o Concello que elaboren un plan de prevención en relación coa Gripe E do cal o deben informar.

Na reunión participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, os membros dos partidos políticos con representación municipal, técnicos do Concello, así como un representante dos traballadores no Consistorio.