Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca o esforzo do Concello co deporte de base e os clubs de élite constituíndo "unha aposta fundamental para facer cidadanía"


# Martes, 15/09/2009
O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais estará aberto do 17 ao 30 de setembro

Imaxe Asociada
* O equipo de Goberno aposta un ano máis polo deporte base ofertando un bo número de disciplinas deportivas
Un ano máis co comezo do novo curso a Concellería de Deportes que dirixe José Manuel Díaz Grandío, pon en marcha unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou o esforzo que está a realizar o Concello co deporte, o que constitúe unha aposta fundamental para facer cidadanía. López Orozco manifestou o apoio do Equipo de Goberno co deporte de base, popular, así como cos club de élite da cidade como o Breogán, o Emevé ou o Azkar, entre outros. "Un esforzo co que imos continuar para que os lucenses gocen das mellores infraestruturas deportivas e que non haxa desculpa para practicar deporte".

López Orozco trasladou a súa satisfacción porque nas actividades deportivas que organiza o Concello, presentadas hoxe, "participa moita xente de todas as idades e nacionalidades que realizan un grande esforzo e acadan grandes éxitos".

 O Alcalde de Lugo explicou que nos últimos dez anos, desde a súa chegada á Alcaldía, se ten feito un enorme esforzo orzamentario en relación coa mellora e apertura das instalacións deportivas. Así referiuse aos campos de fútbol, "reformados e modernizados", "feitos co esforzo de todos os lucenses", á Casa do Deporte, as instalacións de Frigsa, A Cheda, o Polvorín ou o recén estreado campo de béisbol.

Trátase, indicou dun investimento que continuará, posto que unha parte dos fondos do FEIL se está destinando a mellorar as instalacións deportivas da cidade: as canchas de tenis, os accesos aos espazos deportivos, etc.

Pola súa banda, o Concelleiro de Deportes anunciou que o vindeiro xoves, día 17 de setembro, ábrese o prazo para apuntarse ás diferentes modalidades ofertadas. Os interesados poderán inscribirse ata o 30 de setembro nas oficinas da Concellería de Deportes sita na Casa do Deporte en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas levando consigo unha fotografía tamaño carnet, o número de conta e o importe da matrícula que se pagará en man no momento de realizala.

Nesta nova tempada o Concello segue a apostar polo deporte base, ofertando un amplo abano de disciplinas para satisfacer o gusto de todos os lucenses. En total, son 15 as modalidades deportivas que se desenvolverán entre o mes de outubro e o mes de maio:

- Baloncesto
- Ximnasia de mantemento
- Hockei en liña (masculino)
- Hockei en liña (feminino)
- Ximnasia rítmica
- Tenis de mesa
- Ciclismo
- Triatlón
- Boxeo
- Béisbol
- Loita
- Tiro con arco
- Patinaxe
- Tenis
- Deporte para maiores

O Concelleiro lembrou os cambio de ubicación dalgunhas das escolas como a ximnasia rítmica que pasan a ter lugar nas Pedreiras, o baloncesto que pasa ao polideportivo da Casa do Deporte e o tenis que vai para as pistas do Palomar.

Os cursos desenvolveranse nas instalacións deportivas municipais, e tamén en instalacións dos colexios das Gándaras, Paradai, Luis Pimentel e Illa Verde. Ademais, terán lugar en varios centros da Asociación Provincial de Ximnasios.

O Concelleiro indicou que “na tempada 2008-2009 estas actividades contaron con máis de 5.000 usuarios e agardamos que este ano sexa tamén un éxito”.

O Concelleiro mostrouse disposto a “colaborar con aquelas persoas que desexen practicar algún deporte que non esté recollido nestas escolas municipais, xa que hoxe en Lugo se pode practicar casi calquera deporte (olímpico ou non)”.

Por outra banda, Díaz Grandío explicou que se manterán informados aos usuarios das piscinas sobre o desenvolvemento das obras na piscina de Frigsa e “agardo que en decembro poidamos ofertar o terceiro vaso que a cidadanía tanto demandaba” .

Web de Deportes
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova