Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CUMPRIU OS COMPROMISOS ACADADOS NA COMISIÓN DE SEGUEMENTO DAS VIVENDAS DA PONTE


16/9/2009 A administración local conta xa coas 15 vivendas para as familias adxudicatarias

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou esta mañá a adquisición onerosa definitiva de tres vivendas e provisional doutras tres para Servizos Sociais por un total de 576.989 euros. Segundo explicou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, o Concello cumpriu xa cos compromisos acadados na Comisión de Seguemento das Vivendas da Ponte, mercando 8 pisos no ano 2008 e 7 en 2009.

A Concelleira anunciou que desde o momento no que se adxudiquen as 15 vivendas de forma definitiva haberá 15 días de exposición pública, polo que espera poder convocar de novo a Comisión de Seguemento no mes de outubro.

Basadre anunciou ademais que xa conta co persoal que formará o equipo para traballar coas familias adxudicatarias das vivendas en materia de inclusión.

San Marcos
Por outra banda a Xunta de Goberno Local declarou deserto o procedemento do concurso para a redacción de proxectos de peonalización e de adecuación da rúa San Marcos, incluído dentro do Plan Urban, ao non obter as propostas presentadas a puntuación mínima establecida nas bases. Basadre explicou que se aprobaron esta mañá as novas bases que rexerán o concurso e que estarán publicadas no perfil do contratante no portal web do Concello. Estas bases establecen unha redución do prazo de presentación dos proxectos de 40 a 30 días para axilizar ao máximo o concurso.

Outros temas
Noutra orde de cosas, nesta xuntanza aprobáronse tres licenzas de obra e dúas de primeira utilización, así como as bases que rexerán o proceso selectivo para a cobertura temporal de prazas de axudante de cociña e limpeza para o fogar do transeúnte do Concello de Lugo.