Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo traballará na prevención das drogodependencias en distintos ámbitos


# Xoves, 17/09/2009
* Realizaranse actividades nos centros educativos, cos pais e nais, na comunidade e coas asociacións * Continúa o Programa Municipal de Prevención e Apoio ás Familias

Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, deu a coñecer os campos nos que se traballarán dende o Servizo Municipal das Drogodependencias no curso 2009-2010. “Realizaranse un ano máis diferentes actividades de intervención en distintos ámbitos nos centros educativos, coas nais e cos pais, no entorno comunitario e coas asociacións e entidades que o demandan”, destacou.

A Concelleira explicou as actividades que se levarán a cabo dentro do programa Previr e Educar, que están organizadas pola Consellería de Sanidade, polo Ministerio de Sanidade e elaboradas polos técnicos e técnicas do Concello.

- Actividades para os Centros de Ensino:

1.- Taller de prevención do abuso do alcol e outras drogas para o alumnado de 1º da ESO e adestramento e ensinanza de habilidades interpersoais para alumnos e alumnas de 2º da ESO.

2.- Taller Falemos de Drogas dirixido a alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO.

3.- Programa Praeventio para o 3º ciclo de Primaria. Este curso realizarase cun CD interactivo para o profesorado que consta dun mínimo de dúas sesións.

4.- Programa Cinensino para alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO que persegue a educación en valores e a prevención a través do cine.

5.- Taller +Músicas dirixido ao alumnado de BAC. Trabállase na aula a través de dinámicas musicais e a súa relación coas drogas.

6.- O programa para garantía social Odisea.

7.- Certame educativo Educar para previr. Trátase dun concurso de Artes Plásticas dirixido ao alumnado de Primaria. O tema do certame cambia cada ano e nesta ocasión tratará sobre valores positivos e factores de protección en relación coa saúde.

- Traballo en Centros de Menores: con rapaces e rapazas en conflito e en risco de exclusión social.

- Traballo nos Centros de Convivencia: Apoio e asesoramento na execución das actividades cos menores do Programa de intervención familiar do Concello de Lugo

- Promoción da Saúde e de Ocio con minorías: En colaboración co programa Acceder e coa Fundación do Secretariado Xitano e outros colectivos e asociacións.

- Programa Cambio de Sentido: Intervencións nas autoescolas sobre o alcol, outras drogas e condución. Trabállase a través de intervencións nas sesións ordinarias teóricas de preparación da parte teórica do permiso de condución, incidindo nas relacións negativas e na incompatibilidade do binomio condución e drogas.

- Obradoiros de Información e Sensibilización para as asociacións e organismos que atenden ás diferentes discapacidades.

Apoio ás familias
A Concelleira deu conta tamén do Programa Municipal de Prevención e Apoio ás Familias do Concello de Lugo. Este traballo especializado está realizado por un equipo de técnicos e educadores sociais a través de plans de traballo individualizados e adaptados as necesidades e características de cada familia.

A Concelleira indicou que está orientado a informar ás familias sobre como poñer límites e normas, como mellorar as relacións familiares, resolver conflitos, tomar decisións sobre itinerarios educativos, laborais… É común que un elevado número de pais e nais acudan a pedir axuda profesional coincidindo co período no que os seus fillos pasan á adolescencia. É neste momento cando a tarefa de educar como pais e nais é un verdadeiro reto, xorden dúbidas, situacións de desánimo e impotencia, ven nos seus fillos condutas que xamais houberan imaxinado e se ven desalentados porque lles resulta difíciles manexalas. Desexan para os seus fillos o mellor, proban diferentes estratexias: castigos, premios, ameazas, razoamentos, sermóns etc...

A través do Programa de Educación Familiar Municipal as familias intentan coñecer, con axuda profesional, métodos e recursos máis eficaces para comunicarse e relacionarse cos seus fillos, vendo así incrementando a satisfacción na súa relación.

Un ano máis o Concello de Lugo, e como ven facendo desde o 2004, porá en marcha, grupos de pais e nais, encontros de formación, no Centro de Convivencia de Lamas de Prado e da Milagrosa. Trátase de reunións quincenais, dirixidas por unha experta en psicoloxía das relacións familiares, para tratar e compartir experiencias sobre a educación e desenvolvemento dos fillos e fillas na infancia e adolescencia.

Os educadores e educadoras sociais traballan tamén directamente cos rapaces e rapazas en intervencións individuais (entrevistas de orientación, asesoramento e acompañamentos) no que o técnico municipal pasa a ser unha guía ante as diferentes dificultades e retos no proceso que o rapaz esta a elevar para a construción da súa personalidade. Do traballo individualizado con estes rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos desprendeuse a necesidade de levar a cabo programas específicos de actitudes, competencias sociais e desenvolvemento persoal.

No Centro de Convivencia Lamas de Prado, todos os xoves pola tarde, unha educadora dirixe un grupo de formación de mozos e mozas en habilidades sociais, asisten dez rapaces de entre 11 e 14 anos, no que se combinan sesións de motivación, autoestima, resolución de conflitos e relacións familiares con actividades de lecer. Tamén hai que subliñar que a esta actividade únese neste barrio lucense as actividades que se promoven desde o Punto de Información Xuvenil da Praza do Castiñeiro.

Entre os meses de outubro e maio terá lugar, de forma semanal, outro programa de formación en habilidades sociais de mozos e mozas no Centro de Convivencia da Milagrosa e Sagrado Corazón. Deste xeito o Goberno Local, a través da Área de Benestar Social, “comprometese a facer efectivas políticas de prevención de diferentes problemas como: o fracaso escolar, violencia de xénero, inicio temperá de consumo de drogas, problemas de axuste emocional, educación para a igualdade, etc.”, indicou Basadre.

Como actividade estrela, a Concelleira resaltou, dentro do Programa de Intervención Familiar, as experiencia de ocio familiar “ Divírtete en Familia”. Con esta actividade propíciase a aquelas unidades familiares con maior necesidade, de escasos recursos e dificultades organizativas, a posibilidade de disfrutar dunha fin de semana fóra do espazo cotiá e deste xeito favorecer un espazo para compartir valores relativos á convivencia familiar. Este ano 50 persoas, avós, nenos e nenas, pais e nais puideron acudir a fin de semana do 27 e 28 de marzo ao albergue de turismo da natureza Alvarella. As familias participaron en actividades ao aire libre e fíxose un itinerario polas Fragas do Eume e a Ruta das Pontes Colgantes. No mes de xuño 55 persoas acudiron unha fin de semana á localidade costeira de Laxe, durante a estancia, as educadoras prepararon xogos nos que o requisito imprescindible é que participen todos xuntos.

Para o ano 2010 téñense previsto realizar dúas novas excursións.

Basadre explicou que ao longo deste ano atendéronse a un total de 210 familias, na súa maioría monoparentais. E explicou as diferentes problemáticas tratadas:

- Atraso escolar: 39,90%

-Ausencia de planificación familiar: 29,32%

- Descoido das responsabilidades parentais: 29,32%

- Dificultades nas relacións sociais: 22,59%

- Dificultades de inserción laboral:57,69%

- Situación económica precaria: 64,42%

www.lugo.es/prevenciondrogas
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova