Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca que o Goberno Local leva cumprido en dous anos o 75% do seu programa electoral


# Luns, 21/09/2009
* O Consistorio de Lugo celebrou hoxe o Debate do Estado do Concello no que o Equipo de Goberno deu conta das actuacións acometidas no último ano

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
* López Orozco trazou a folla de ruta que guiará a cidade de cara o futuro e que pasa polo asentamento de empresas, a construción do Auditorio, o Museo da Romanización, novas infraestruturas e vías de comunicación, a nova Estación Intermodal, a Nova Ponte, o novo Museo, o plan sectorial de vivenda para As Gándaras, o desenvolvemento turístico, o desenvolvemento do Plan de Mobilidade, a segunda fase do abastecemento da auga e proseguir o saneamento da zona rural

* Salienta que as persoas son prioritarias na acción do Goberno e subliña que Lugo é a cidade de España que máis destina a gasto social

* Avanza que a finais de ano estarán en funcionamento 7 novos centros de dinamización na zona rural que se sumarán aos 8 de convivencia que existen na zona urbana

* Destaca a importancia do Plan Zapatero para a cidade que mantivo e reactivou máis de 1.000 contratos

* Lugo conta cun novo centro cívico, o Maruja Mallo, con outro a punto de rematar; o da Piringalla-Garabolos; o novo centro de día Antonio Gandoy, a nova Escola infantil de Fontiñas, que funcionará no próximo trimestre e dúas Escolas Infantís, que se rematarán a primeiros de ano na Piringalla e en Montirón-Sanfiz

* Indica que o Goberno Local dignificou, dotou de servizos básicos e deulles os mesmos dereitos a todos os cidadáns independentemente do lugar no que vivisen

* Defende que é tempo de construción, “non da loita política sen fundamento e estéril se paraliza o crecemento e a modernización da cidade”

* No que vai de 2009 o Concello de Lugo puxo en valor máis de 5.000 metros cadrados de zonas verdes, case 2.000 destinados ao ocio de maiores e cativos

* Anuncia que o Goberno Local, a Deputación e a Confederación Hidrográfica traballarán para potenciar o uso dos espazos fluviais, facilitando a chegada aos mesmos mediante o transporte público e a colocación de sinais que melloren o paseo actual

* Pide a colaboración das administracións para por en valor, conservar e manter o Patrimonio Mundial que convirta ao turismo nun motor económico da cidade

* O Fondo Local de Investimento Local destinou a Lugo máis de 16 millóns de euros que posibilitaron 79 obras, das que xa están rematadas preto do 70%

* Polo Espazo Lab pasaron máis de 2.000 persoas ás que se lles ofreceu información, orientación e intermediación laboral

* Lugo conta co único espazo municipal para practicar idiomas que existe: a Casa das Linguas

* Lugo conta con 156 zonas verdes, máis de 500.000 metros cadrados, o que nos convirte “nunha das primeiras cidades de Galicia en canto a superficie verde por habitante”

* Subliña que o compromiso do Ministerio de Fomento posibilitará a construción da Nova Ponte sobre o Miño, a Estación Intermodal e a chegada do AVE á cidade

* Entre os proxectos ambiciosos citou o Plan de Mobilidade que lle outorga o protagonismo absoluto na vida e nas rúas da cidade ás persoas

* Expresou a total colaboración coa Cámara de Comercio e as centrais sindicais para sacar adiante o Plan Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou hoxe que o Goberno Local leva cumprido en dous anos o 75% do seu programa electoral. Así o explicou na súa intervención no Debate sobre o Estado do Concello no que deu conta das actuacións acometidas no último ano, ao tempo que trazou a folla de ruta que guiará a cidade de cara o futuro.

Así, López Orozco subliñou que o Equipo de Goberno está en disposición de cumprir o que resta do programa electoral e acometer un novo programa “porque contamos coa forza da ilusión e a experiencia do que hai que facer e onde hai que facelo”. “Porque seguimos na rúa, cos nosos veciños, nas súas festas e interesándonos polos seus problemas”, expuxo. Para traballar nesa dirección de servizo ás persoas o Goberno local “aposta polo diálogo e o consenso con toda a cidadanía e as súas forzas vivas”, remarcou.

“Deste xeito acadaremos unha meta común: xerar riqueza e emprego no Concello de Lugo”, expuxo. “Xerar unha cultura emprendedora e innovadora que dinamicen a nosa economía e a nosa sociedade”. Así, salientou que o Goberno seguirá “apostando polo diálogo, pola transparencia, polo acordo, sabendo que un Concello se fai desde o traballo en común”.

Atención prioritaria ás persoas

O Alcalde de Lugo explicou hoxe que a prioridade da súa acción de Goberno son as persoas. “Todos se fai para as persoas, o traballo por Lugo non tería sentido sen a atención ás persoas”. Así, Lugo é o Concello que máis inviste en gasto social de toda España e “seguiremos apostando por iso, polo que cremos, pola xente”, subliñou. Un compromiso que se plasma nas partidas orzamentarias que neste exercicio destinaron máis de 20 millóns de euros ao benestar dos lucenses.

“Investimos máis de 215 euros por habitante, o que representa máis do 20% do orzamento total do Concello, situándonos nun 10% por enriba da media española”, subliñou. Trátase, segundo dixo, “dunha prioridade e unha aposta de futuro”.

Así mesmo, o Alcalde apelou á solidariedade como elemento clave para saír reforzados da crise. Neste sentido, explicou que a solidariedade do Concello de Lugo se plasma nas partidas destinadas a emerxencia social que este ano viron duplicada a súa contía o que permitiu facer fronte a algúns recibos domésticos, menciñas, alimentación e incluso algún pago de vivenda habitual.

Imprescindible a axuda doutras administracións

Neste sentido, López Orozco reclamou máis colaboración por parte da administración autonómica e central para facer fronte ás necesidades dunha cidade que medra e aumenta a demanda dos seus servizos sen que o faga na mesma medida o financiamento local. Así, avanzou que a finais de ano estarán en funcionamento 7 novos centros de dinamización na zona rural que se sumarán aos 8 de convivencia que existen na zona urbana.

O Alcalde de Lugo trazou un percorrido por algúns dos datos que dan boa conta do compromiso do Concello coas persoas. Así, referiuse ás 100 prazas que o próximo ano se alcanzarán nos centros de día, os 450 usuarios do servizo de axuda no fogar, ás 150 actividades nos centros de convivencia, aos 1.500 nenos que participaron nas ociotecas e nas aulas abertas, e aos 2.100 adultos que pasaron nos últimos meses polas actividades dos centros de convivencia.

O gasto social polo que aposta o Concello implica ademais axudas ao aluguer, cunha achega de 95.000 euros, axudas para o arranxo de vivendas de persoas dependentes por valor de 54.000 euros, axudas a organizacións sen ánimo de lucro, ONG, bonotaxi, ou o programa de Intervención Familiar, no que participan 210 familias de Lugo.

O gasto social tamén engloba o traballo realizado dende a Casa da Muller, onde se atendeu, no que levamos de ano, a case 700 mulleres; a posta en marcha do II Plan de Igualdade, o Plan de Inclusión social, o traballo realizado no Fogar do transeúnte, o compromiso para a erradicación do chabolismo, ou a supresión de barreiras arquitectónica, onde se leva investido máis dun millón de euros.

Cambio de mentalidade na cidade

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo expuxo que se incurriría nun acto de irresponsabilidade se non se recoñecese que o Concello de Lugo “experimentou un cambio importante de cara á modernización e á posta a punto para encarar con éxito os retos do futuro”. López Orozco destacou o cambio físico e de mentalidade que se ten producido. Así, incidiu en que “hoxe os lucenses temos máis conciencia crítica do que somos e do papel que xogamos en Galicia. Hoxe sabemos que somos capaces de competir con calquera outra cidade ou Concello e que superamos a moitas, de fóra e dentro de Galicia, en calidade de vida e en acceso aos servizos públicos do máximo nivel. Hoxe non estamos dispostos a aceptar que benestar, crecemento e igualdade social vaian por separado”.

O Alcalde de Lugo referiuse aos últimos acordos acadados por consenso como a aprobación dos orzamentos en 2008 e 2009 ou a aprobación provisional do PXOM, ambos “fitos importantes desa vontade de consenso do Goberno local”, indicou.

Saída da crise

Para saír da crise López Orozco fixo un chamamento a “traballar todos na mesma dirección” para alcanzar unha cidade competitiva, creativa, á vangarda do noso tempo. “Temos que ter confianza nas nosas posibilidades”, aseverou.

O Alcalde de Lugo destacou a importancia do Plan Zapatero para a cidade, un Plan que mantivo e reactivou máis de 1.000 contratos, grazas ao financiamento estatal para 79 proxectos que a cidade precisaba e para os que non se contaba con orzamento local.

Actuacións en marcha

Entre as actuacións levadas a cabo polo Executivo local no último ano, López Orozco explicou que Lugo conta cun novo centro cívico, o Maruja Mallo, así como con outro a punto de rematar; o da Piringalla-Garabolos; un novo centro de día como o Antonio Gandoy, con máis prazas para atender a máis persoas; unha nova Escola infantil, como a de Fontiñas, que funcionará no próximo trimestre; dúas Escolas Infantís, que se rematarán a primeiros de ano, na Piringalla e en Montirón-Sanfiz, á espera de financiamento para equipalas e poñelas en funcionamento nos primeiros meses do ano que ven, “sempre e cando a Xunta de Galicia colabore co Concello no seu financiamento”.

“Temos máis investimento para axudar ás persoas dependentes, novas instalacións dedicadas exclusivamente ao asesoramento laboral como o Espazo Lab, máis investimento en PILES, axudas transformadas en obras para a rehabilitación e dinamización do Centro como as obras de renovación da iluminación na zona PEPRI, ou o MIHL na zona norte, que segue a súa marcha e pronto será un aliciente máis para os lucense e para os que nos visiten”.
López Orozco explicou que o Concello de Lugo dedica importantes recursos a financiar servizos impropios porque “somos conscientes de que o noso gran valor como cidade son as persoas” e non estamos dispostos á dicirlle á xente que cre en nós que non poden dispor de servizos porque a administración de turno se nega ou tarda en pagalos”.

Novas dotacións

Entre finais de 2009 e principios de 2010 Lugo terá rematado un centro de Convivencia novo: Piringalla-Garabolos, tres Escolas Infantís novas: a de Fontiñas, a da Piringalla e a de Montirón –Sanfiz, unha casa domótica para persoas con algunha dependencia ou discapacidade, novas pistas de tenis e padel, un ximnasio e a remodelación da contorna do Anxo Carro, un novo vaso na piscina de Frigsa, coa licitación e adxudicación dunha nova Biblioteca no barrio da Piringalla. “E así ata máis de 80 proxectos postos en marcha grazas á xestión do Concello”, incidiu.

Modelo de cidade solidario, accesible, equilibrado e sostible

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo falou dunha nova concepción de cidade baseada nun modelo de cidade “solidario, accesible, equilibrado e sostible”. “Unha cidade na que os barrios, o centro e a zona rural acaden un mesmo nivel de servizos e de dotacións”. Recordou que “foi o Goberno Local o que dignificou, dotou de servizos básicos e lles deu os mesmos dereitos a todos os cidadáns independentemente do lugar no que vivisen”.

“Agora Lugo está a dar un paso máis, polo que temos que apuntarnos ao motor do cambio, da modernización, do avance, do progreso”. O crecemento de Lugo pasa, segundo López Orozco, polo asentamento de empresas, a construción do Auditorio, o Museo da Romanización, as novas infraestruturas e vías de comunicación, a nova Estación Intermodal, a Nova Ponte, o novo Museo, o plan sectorial de vivenda para As Gándaras, o desenvolvemento turístico, o desenvolvemento do Plan de Mobilidade, a segunda fase do abastecemento da auga e proseguir o saneamento da zona rural. “Para iso queremos que cunda o exemplo que está a dar o Ministerio de Fomento e seguir contando coa colaboración do Goberno da Xunta de Galicia”, destacou.

O Alcalde de Lugo incidiu en que “é tempo de construción, non da loita política sen fundamento e estéril se paraliza o crecemento e a modernización da cidade”. Neste sentido, expresou a total colaboración coa Cámara de Comercio e as centrais sindicais para sacar adiante o Plan Lugo.

“No camiño do traballo pola cidade, do traballo pola nosa xente, nese camiño sempre me atoparán. No do enfrontamento estéril xa lles advirto que eu non estarei”, aseverou.

Así, en relación co traballo desenvolvido polo Goberno local, López Orozco citou na súa exposición o estudo realizado pola organización Transparencia Internacional España que concedeu un notable alto á transparencia na xestión do Concello de Lugo.

Compromiso co medioambiente

En relación co territorio, o Alcalde de Lugo referiuse a un espazo urbano de calidade, o modelo recollido no PXOM, cun espazos públicos coidados e que sirvan para o disfrute da cidadanía. Neste sentido, falou do arranxo das escolas rurais, o remoce dos campos das festas e outros elementos como fontes e lavadoiros no rural.

No que vai de 2009 o Concello de Lugo puxo en valor máis de 5.000 metros cadrados de zonas verdes, case 2.000 destinados ao ocio de maiores e cativos. Lugo conta con 44 zonas de xogos infantís, unha por barrio. A estas sumarase proximamente a das Gándaras.

A nova imaxe de Lugo pode verse, así mesmo, na zona do río Miño e do Rato, das termas romanas e a reserva da biosfera. O cinto verde, dixo o Alcalde, “formará parte da cidade como espazo de lecer e disfrute da cidadanía como xa acontece coa primeira fase de preto de 30.000 metros cadrados do Parque das Fontiñas”.

Neste sentido, o Alcalde de Lugo, anunciou que o Goberno Local, a Deputación e a Confederación Hidrográfica traballarán para potenciar o uso deses espazos, facilitar a chegada aos mesmos mediante o transporte público e a colocación de sinais que melloren o paseo actual. “Lugo vai ser a cidade da auga”, salientou.
Melloras na zona rural

Continuarase, sinalou López Orozco, coa instalación de puntos de luz, preto de 100 en 2009, e co arranxo das principias pistas de acceso como nunca se fixo con aglomerado en quente, posible grazas ao FEIL e ao investimento local. Continuarase así mesmo co traballo de saneamento, a recuperación de fontes, 5 en 2009, e o acondicionamento de zonas para o depósito e recollida de plásticos e de lixo.

Muralla de Lugo

En termos turísticos, López Orozco referiuse á Muralla como un dos fitos máis importantes da Península e foco fundamental da chegada de visitantes á cidade. En relación co monumento, o Goberno Local encargou un proxecto de levantamento topográfico dixitalizado que permitirá o seu estudo desde todo o mundo. Neste sentido, avanzou a disposición do Concello de Lugo por asinar un acordo entre todas as administracións que permita un maior compromiso co monumento. Así, referiuse tamén ao recén creado Triángulo Máxico do Patrimonio Mundial Galego integrado por Lugo, A Coruña e Santiago, un instrumento para a colaboración en materia turística e de posta en valor patrimonial no que Lugo tamén espera contar co apoio das administracións.

Así mesmo, López Orozco referiuse á necesidade de converter o turismo “nun motor económico da nosa cidade”. Neste sentido, explicou que se formulará a creación dunha empresa de turismo que potencie e poña no mercado Lugo “da man e profesionais do sector”.

Plan Urban, un valor para o centro

López Orozco citou o Plan Urban como un dos proxectos fundamentais para “darlle un lavado de cara estético ao centro histórico de Lugo”. Urban, dotado con 16 millóns de euros, permitirá a rehabilitación do antigo cárcere, para dar paso a un centro artístico polivalente, revitalizará e dinamizará o comercio, a mellora do transporte público e da mobilidade, a formación dos traballadores do sector turístico ou a iluminación dos monumentos e as melloras urbanas que permitan afondar na peonización do centro.

Entre os proxectos de futuro que recolle o plan atópanse ademais, un proxecto de intervención integral sobre a Praza do Cantiño, ou a tramitación de novos colectores soterrados.

Feil, garante do mantemento e da creación de emprego

O Fondo Local de Investimeto Local destinou a Lugo máis de 16 millóns de euros que posibilitaron 79 obras, das que xa están rematadas preto do 70%. Nestas obras participaron máis de 1.000 traballadores, dos que 250 foron novas contratacións. López Orozco explicou que o principal criterio que se seguiu nas adxudicación foi o do mantemento e creación de emprego, unha xestión realizada de xeito directo polo persoal municipal, acadando así un importante aforro de recursos.

Fomento do emprego

López Orozco defendeu que o emprego e o desemprego non son competencia municipal, se ben, “aí estamos, e o gasto social e o emprego convertéronse no noso obxectivo prioritario, real, sensible”. Neste sentido, manifestou o interese por acadar un compromiso do Goberno galego para levar a cabo plans de cooperación, obradoiros de emprego ou escolas taller, seguindo a liña do anterior Executivo autonómico.

En materia de emprego, López Orozco explicou que se está executando o proxecto europeo Lugo Emprego Activo que conta con máis de 2 millóns de euros de orzamento, e que se continuará cos plans de inserción laboral PILES que este ano deron traballo a 31 persoas, 26 delas cun alto grao de dificultade de inserción laboral.

Entre as apostas polo acceso ao mercado laboral o Alcalde de Lugo citou a escola para o emprego pola que pasaron case 10.000 persoas e o Espazo Lab no que se enmarca, por exemplo, o programa Lugo Contigo dirixido á inserción laboral de persoas con discapacidade que permitiu a contratación de 20 traballadores.

Así mesmo, Lugoqualitas permite que 30 mozos fagan prácticas laborais no estranxeiro e a oficina de información sobre Europa, Europe Direct Lugo, responde ás dúbidas sobre o mercado laboral europeo e a formación no estranxeiro. Desde a súa posta en marcha pasaron polo Espazo Lab máis de 2.000 persoas ás que se lles ofreceu información, orientación e intermediación laboral.

En relación co CEI-NODUS López Orozco explicou que hai 14 empresas instaladas, 3 no semilleiro e 6 solicitudes de local. O índice de supervivencia das empresas unha vez abandonan as instalacións municipais é do 100%.

En relación coa competitividade, o Alcalde de Lugo sinalou a Casa das Linguas de Estrada da Granxa e a nova que se abrirá na Piringalla como centros para competir nun mercado laboral cada vez máis globalizado. Serán os únicos centros municipais desta natureza que existan na comunidade.

Obras de saneamento e abastecemento

“As nosas obras de saneamento e abastecemento son exemplares en todo o noroeste de España”, remarcou o Alcalde. Así referiuse á calidade da auga da villa da que xa poden disfrutar todos os lucenses. En canto ao patrimonio natural recordou que Lugo conta con 156 zonas verdes, máis de 500.000 metros cadrados o que nos convirte “nunha das primeiras cidades de Galicia en canto a superficie verde por habitante”.

Así mesmo, o Alcalde de Lugo explicou que o Plan Director do Parque de Rosalía seguirá apostando pola súa mellora e acondicionamento, mentres que a ordenanza de civismo tratará, entre moitas outras actuacións, de erradicar o botellón na zona.

En relación coa limpeza, López Orozco explicou que o Goberno prioriza a limpeza das rúas tal e como recoñeceu a distinción da Escoba de Prata outorgada a Lugo. Entre as actuación levadas a cabo salientou o plan de renovación de papeleiras, o plan de limpeza de alcantarillas ou o programa porta a porta para a recollida selectiva de papel de cartón aos establecementos hostaleiros. Estas medidas súmanse ao punto limpo e á recén inaugurada campaña de recollida de aceite converténdose Lugo na cidade que máis puntos de recollida ten.

Os Almorzos saudables, melloras nos centros escolares, actividades de formación e de lecer para os máis novos, a celebración do Cumio Internacional Contra as Drogas ou a aposta pola alfabetización tecnolóxica, constitúen en palabras do Alcalde, “unha cidade privilexiada en moitos aspectos”.

Mellor comunicados

No ámbito das infraestruturas, López Orozco referiuse a unha mellora nas comunicacións que se fai evidente na entrada da Campiña, o Ceao ou Nadela. Un cambio que indicou, foi posible grazas á chegada de Zapatero ao Goberno do Estado. “E grazas ao compromiso do Ministerio de Fomento que posibilitará a construción da Nova Ponte sobre o Miño, a Estación Intermodal e a chegada do AVE á cidade”.

Entre os proxectos importantes para a cidade, o Alcalde de Lugo citou ademais o parque empresarial das Gándaras, o novo hospital ou a rehabilitación do Sagrado Corazón, todos eles proxectos impulsados desde o Concello de Lugo.

Seguridade vial e persoal

No ámbito da seguridade vial e persoal, o Alcalde de Lugo deu conta do comezo do proceso de reestruturación e modernización da Policía Local. López Orozco pediu que se siga confiando nunha policía “boa, profesional e con gañas de modernizarse”. En relación coa seguridade viaria enumerou as medidas postas en marcha como o fotorrojo, os radares, o control de videovixiancia ou a modernización do sistema ORA.

Entre os proxectos ambiciosos citou o Plan de Mobilidade no que traballa o Equipo de Goberno e que lle outorga o protagonismo absoluto na vida e nas rúas da cidade ás persoas. “Un plan que modificará o sistema de transporte urbano e o concepto de espazo público, o complemento idóneo do PXOM”, remarcou.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova