Imprimir

MÁIS DE 650 PERSOAS PARTICIPARON NA CAMPAÑA ITINERANTE DO CONCELLO SAUDABLE


22/9/2009 A Concelleira de Servizos Xerais resaltou a gran acollida que tivo por parte da cidadanía lucense

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, fixo balance da participación na campaña Concello Saudable que dende o pasado 28 de agosto estivo a percorrer os diferentes barrios da cidade. Posta en marcha polo Concello de Lugo en colaboración coa Consellería de Sanidade co obxectivo de mobilizar, sensibilizar e orientar ao cidadán cara un estilo de vida san en canto ao exercicio e a unha alimentación máis equilibrada, rematou o pasado sábado 19 de setembro cunha marcha saudable na que participaron unhas 100 persoas.

A Concelleira anunciou que un total de 552 persoas foron atendidas polos técnicos na carpa itinerante, 41’28% homes e 58’72% mulleres. Segundo as idades, un 10´10% eran menores de 18 anos, o 49´35% tiña entre 18 e 60 anos, e o 40’55 % máis de 60 anos.

Zarzuela explicou que segundo os resultados acadados na carpa do Concello Saudable o 63’8%  dos participantes tiñan sobrepeso, dos que o 30% xa coñecían a súa situación. O 60% realizan actividade física e un 30% realiza algunha actividade deportiva: carreira suave, ximnasio, máquinas dos parques biosaudables de Frigsa e da Carballeira de Acea de Olga; ademais, dalgún deporte como o fútbol ou o baloncesto, e prácticas como o ioga, pilates e ximnasia de mantemento.

En canto aos hábitos alimenticios xerais da poboación lucense testada pódese dicir que: a cidadanía toma moita froita, as cinco racións recomendadas, menos verdura, moita carne e pouco pescado. Zarzuela indicou que “un dato moi satisfactorio é que en Lugo se consume pouca comida rápida ou precociñada”. Parece ser que os lucenses consumen poucos lácteos e froitos secos, e a maioría utiliza aceite de oliva na casa.

A Concelleira indicou que “esta campaña tivo unha gran acollida por parte da cidadanía lucense, sendo múltiples as peticións de prolongar as actividades no tempo e así poder realizar un seguimento que participaron na iniciativa”.