Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba a cesión á Xunta de Galicia do Cuartel de San Fernando


# Mércores, 23/09/2009
A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente a quinta fase das obras de accesibilidade en 18 rúas da cidade

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou esta mañá a cesión á Xunta de Galicia do predio urbano municipal denominado Cuartel de San Fernando.

Segundo explicou o Voceiro Municipal, José Rábade, esta cesión realízase para a adecuación do antigo cuartel de San Fernando e dotación de fondos para a futura sede do Centro de Interpretación e Museo da Romanización de titularidade autonómica o que esixe que o Concello ceda á Consellería a titularidade do edificio.

O Voceiro lembrou que en febreiro de 2008 se asinara un convenio de colaboración entre o Concello e a COTOP, o IGVS e a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia para a o construción do centro Cultural-Auditorio de Lugo, adecuación e apertura do Centro de Interpretación e Museo da Romanización.

A Xunta de Goberno adoptou en setembro de 2008 a posta á disposición da Xunta deste edificio para o seu mantemento, conservación e custodia, podendo así levar a cabo a Consellería as obras que precise para eses fins, así como efectuar as escavacións arqueolóxicas necesarias para a redacción do proxecto do Centro.

Con esta cesión “o Concello ten os deberes feitos e o que esperamos é que a Xunta de Galicia se poña mans á obra xa que isto ten que ver, tamén, coa construción do Auditorio, co que son dúas obras importantes das que esperamos a debida resposta por parte da administración autonómica”.

Accesibilidade
Nesta xuntanza aprobouse tamén a adxudicación provisional da V fase das obras de accesibilidade na cidade con Aberman Empresa Constructora S.L. por un importe de 212.239 euros.

Esta actuación conta cun prazo de execución de 5 meses e inclúe as seguintes rúas: Avenida da Coruña (dúas fases), Rúa Milagrosa, Curros Enriquez, Illas Cíes, Río Narla, Alexandre Bóveda, Monte Faro, Rúa do Franco, Viana do Castelo, San Isidro Labrador, Laverca, Rúa das Fontes, Mar Cantábrico, Santo Grial, Ángelo Colocci, Gallego Tato, Lavandeira e Reiseñor.

O Voceiro lembrou que as obras de accesibilidade no viario do Concello de Lugo comezaron no ano 2003, e dende aquela xa se puxeron en marcha IV fases, beneficiando a 70 rúas da cidade.

Rábade indicou que a supresión de barreiras arquitectónicas concrétase na posta en marcha das seguintes actuacións:

- Instalación ou reforma de vados peonís nas súas diferentes tipoloxías.
- Eliminación nas beirarrúas de obstáculos de pequena e gran entidade.
- Protección de alcorques.
- Eliminación de descontinuidade no pavimento en zonas peonís.
- Instalación de barandillas accesibles
- Ensanchamento de beirarrúas.
- Sinalización de pasos de peóns.
- Creación de aparcadoiros reservados a persoas con discapacidade.

Outros asuntos
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou inicialmente o proxecto de obras de supresión de barreiras arquitectónicas nos accesos á igrexa de San Pedro e ao Museo Provincial que conta cun orzamento de 10.000 euros e un prazo de execución dun mes.

Ademais, aprobáronse oito licenzas de obra e denegouse unha.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova