Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ESTUDARÁ UNHA SOLUCIÓN PARA O MATADOIRO CO OBXECTIVO DE CONSERVAR OS POSTOS DOS TRABALLADORES


23/9/2009 * Así o decidiu logo de comprobar que a oferta de Novafrigsa non cumpre o prego do concurso
* O período de estudo e reflexión buscará artellar a mellor solución posible

* O Concello de Lugo trasladaralle a decisión ao sector de xeito inmediato

O Concello de Lugo abre hoxe un período de reflexión e estudo para propor unha solución definitiva para o sacrificio de gando co obxectivo último de conservar os postos de traballo dos actuais empregados do matadoiro municipal. O Concello de Lugo buscará artellar a mellor solución posible para unha lacra á que hai que pórlle fin.

O Concello de Lugo chega a esta decisión logo de abrir a oferta presentada ao concurso público para a prestación do servizo municipal de sacrificio de gando . A oferta presentada pola empresa Novafrigsa non cumpría as condicións do prego, posto que non cumpre o obxectivo fundamental que pretendía o Concello de salvagardar os postos de traballo dos actuais traballadores do matadoiro municipal.

A oferta presentada por Novafrigsa recolle a elaboración dun novo contrato para o persoal do matadoiro xestionado por Frimiño pero non salvagarda a condición de subrogación dos traballadores que figuraba nas bases do concurso.

Entre as solucións que valorará o Concello está a de sacar o servizo novamente a concurso. As decisións derivadas da apertura da oferta, así como o prazo para buscar unha solución alternativa serán trasladadas ao sector cárnico por parte do Executivo Local de xeito inmediato.

O Concello de Lugo segue a traballar en relación cunha acción decidida e responsable que permita dar solución a un problema herdado e que non pode seguir constituíndo unha lacra para os lucenses.