Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo defende a promoción, fortalecemento e recuperación da lingua galega para o que pide "unha maior complicidade da sociedade e das súas institucións"


# Venres, 25/09/2009
* López Orozco presidiu os actos de conmemoración do Día Europeo das Linguas que o Concello de Lugo celebra por vez primeira na Casa das Linguas

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
* No acto estivo acompañado polo Presidente da Deputación Provincial, o Subdelegado do Goberno en Lugo e o un representante da RAG
* Os actos de hoxe pretenden ser unha xornada de portas abertas para que os lucenses se acheguen a Europa a través da lingua
* Salienta que a lingua é un dos símbolos máis poderosos da unión, do progreso e da integración entre os diferentes pobos da UE
* Destaca que a política lingüística non debe ser obxecto de confrontación partidaria
* José Ramón Gómez Besteiro destaca que que a Casa das Linguas, impulsada polo Concello de Lugo, “é o símbolo da integración de todos os pobos da Unión Europea”


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, expuxo esta mañá que o Concello “sempre defenderá a promoción, fortalecemento e recuperación da lingua galega”. Unha tarefa para a cal, destacou, “necesitaremos dunha maior complicidade da sociedade galega, das súas institucións, dos medios de comunicación, dos axentes culturais, da universidade, da mocidade, do mundo da empresa e do traballo”.

O Alcalde de Lugo presidiu hoxe a celebración, por vez primeira na cidade do Día Europeo das Linguas, unha xornada que transcorre na Casa das Linguas de Estrada da Granxa e na que participaron, entre outros, o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, o representante da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos e o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, entre outros.

O Alcalde de Lugo comezou a súa intervención coa lectura en grego dun texto de Anaximandro. A continuación referiuse a Ramón Piñeiro ao que parafraseo dicindo que “un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia”.

López Orozco remarcou que se quixo converter a Casa das Linguas na testemuña “desta celebración, desta exaltación de Europa e das súas linguas, como un dos símbolos máis poderosos da unión, do progreso e da integración entre os diferentes pobos da UE”.

“Lugo aposta polo futuro, pola integración, polo intercambio, pola formación, pola competitividade, que só chegará a través da defensa e a aprendizaxe das linguas, partindo da base, como non, da defensa do noso propio idioma, o galego”, salientou.

Neste sentido, López Orozco referiuse aos problemas que atravesa o proceso normalizador do galego, se ben, explicou, “son dificultades concretas que debemos recoñecer e avaliar, pero non para botarlle a culpa a ninguén, senón para traballar para corrixilas”.

O xefe do Executivo Local salientou que a política lingüística en Galicia, independentemente do Goberno que a faga, “non debe ser obxecto de confrontación partidaria, máis alá das lóxicas discrepancias e dos matices que pode haber sobre os ritmos e prioridades na aplicación desa política”.

Impulso ao galego desde a administración local
Así mesmo, manifestou a súa confianza no futuro do galego e no compromiso co seu impulso desde a administración local. “Tamén confío no seu presente porque é un idioma vivo, operativo, valioso, eficaz como arma de comunicación, non só entre nós senón tamén con moitos pobos de Europa e do mundo”.

López Orozco referiuse á fractura que se está a producir na transmisión familiar como un dos problemas máis acuciantes que hoxe enfronta o galego. Neste sentido, explicou que “habería que intervir nese ámbito, así como no campo da administración pública, no ensino, na empresa privada, na xustiza ou nas forzas e corpos de seguridade”.

“A política lingüística debe contar coa presenza que se merece nas aulas pero non pode unicamente quedar reducida ao espazo do ensino”, subliñou.

“Só desde o respeto, a defensa e o valor que lle debemos outorgar á nosa lingua poderemos competir e intercambiar en igualdade de condicións capacidades, formación e coñecemento coas demais linguas coas que hoxe compartimos este día, o día de Europa a través do idioma”, concluíu.

Pola súa banda, o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que esta xornada “permite achegarnos a Europa, onde existen 23 linguas oficiais”. “Todos os idiomas son importantes e serven para comunicarnos. De feito, para os cidadáns a lingua propia é a que pode cumprir mellor esta función. É importante que traballemos para que se recoñeza o valor de cada lingua e para facilitar a convivencia ente os distintos idiomas que poden existir nun mesmo país. Todas as linguas poden estar presentes na sociedade da información ou nas novas tecnoloxías. Son un vehículo de comunicación e unha fonte de desenvolvemento persoal e patrimonio da humanidade”, expuxo.

Así, destacou que o galego “é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une e tamén é unha oportunidade económica. O Xacobeo está á volta da esquina. Nun momento de crise económica como o actual, donde todo se mira con lupa e donde nos xogamos moito na defensa de servizos públicos básicos non podemos dar volta atrás, nin sequera en cuestións idiomáticas. Nun día como o de hoxe debemos reivindicar que co galego non se xoga. Somos un país con dous idiomas oficiais, que respecta a todos aqueles que falen en castelán ou en galego”.

Así mesmo, subliñou que se dicir que a Casa das Linguas, impulsada polo Concello de Lugo, “é o símbolo da integración de todos os pobos da Unión Europea”.

Lugo súmase a Europa
O Concello de Lugo decidiu este ano conmemorar o Día Europeo das Linguas, unha idea que provén do Consello de Europa para celebrar a diversidade lingüística e o plurilingüismo. “Recordemos que a UE, como institución supranacional, é a organización máis políglota do mundo”, indicou López Orozco.

Desde finais do ano 2005 todas aquelas persoas que o desexen poden dirixirse ás principais institucións europeas en galego. Na actualidade, é posible o uso do galego nas comunicacións coa Comisión Europea, co Consello de Unión Europea, co Comité Económico e Social e co Valedor do Pobo Europeo. Ademais, os representantes políticos de Galicia poden intervir oralmente en galego nas sesións e plenos do Consello da UE e do Comité das Rexións.

Logo do acto institucional no que se practicaron diversas linguas europeas, o programa inclúe cine para nenos, grupos de lectura e cine para adultos coa proxección do filme Nights on earth de Jim Jarmusch en 5 linguas: inglés, francés, italiano, finlandés e español.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova