Imprimir

A CONCELLEIRA DE ECONOMÍA E EMPREGO MANIFESTA O APOIO DO GOBERNO LOCAL AO MUNDO DO CAMPO E DA AGRICULTURA


28/9/2009 Sonia Méndez participou na inauguración do V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico de Agroenxeñaría 2009 na Escola Politécnica Superior

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participou esta mañá na inauguración do V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico de Agroenxeñaría 2009 que se está a celebrar na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. Neste acto tamén participaron o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, o Vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo, o presidente da Sociedade Española de Agroenxeñaría, Saturnino de la Plaza, e o presidente do Comité Organizador, Javier Bueno.

A Concelleira resaltou que para o Concello de Lugo é unha satisfacción que este congreso se celebre na cidade, xa que “desde o Concello de Lugo somos conscientes e apoiamos de xeito manifesto e decidido a formación en aras de acadar unha sociedade máis e mellor preparada, capaz de competir no mundo globalizado de hoxe en día”. E engadiu que “a través do voso estudo, a vosa especialización e voso traballo conseguiredes seguir revitalizando o mundo do emprego, sobre todo, nun dos sectores que vive peores momentos como é o mundo do campo e da agricultura”.

Méndez indicou a importancia da formación e do traballo para o equipo de López Orozco “o Concello de Lugo ten convertido o gasto social e o emprego no seus obxectivos prioritarios, reais, sensibles. Neste sentido, traballamos por acadar un compromiso do Goberno galego para levar a cabo plans de cooperación, obradoiros de emprego ou escolas taller, seguindo a liña do anterior Executivo autonómico”.

A Concelleira lembrou que en materia de emprego, estanse executando varios proxectos como o europeo Lugo Emprego Activo, os plans de inserción laboral PILES, a escola para o emprego e o Espazo Lab no que se enmarca, por exemplo, o programa Lugo Contigo, Lugoqualitas, a oficina de información sobre Europa, Europe Direct Lugo. “Contamos ademais co CEI-NODUS no que hai 14 empresas instaladas, 3 no semilleiro e 6 solicitudes de local. O índice de supervivencia das empresas unha vez abandonan as instalacións municipais é do 100%”, afirmou.

En canto á reactivación do mundo do campo, Méndez explicou que se trata “dun dos nosos sectores estratéxicos, como paso previo para acadar unha economía forte que supere a crise que atravesa ao país”. A provincia de Lugo ten un marcado carácter rural, “falamos dunha provincia na que o peso da gandería e a agricultura é contioso, polo que desde o Concello de Lugo seguiremos a apostar polo compromiso co sector gandeiro, vital para a nosa comunidade”.

A Concelleira afirmou que o campo debe contar cun apoio firme e decidido das administracións para seguir sendo un sector forte e con futuro. “Para que siga habendo traballo, un traballo que co voso esforzo, a vosa competitividade e o voso estudo redundará nuns maiores beneficios para o país”.

Méndez trasladou o desexo do equipo de Goberno para que este congreso teña continuidade e que, “entre todos, avancemos na construción dun futuro sólido para todos os sectores de actividade. Un futuro no que a crise só forme parte do pasado e que redunde nunha mellora na economía e na produtividade”.

Os asistentes ao Congreso serán recibidos oficialmente na Deputación de Lugo por parte do Concello e da institución provincial.