O Concello de Lugo promove os valores do cooperativismo entre a mocidade lucense con dous concursos
# Martes, 29/09/2009
Hoxe ábrese o prazo para o certame de fotografía e de ideas de marketing
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, o Vicerreitor de Coordinación do Campus da USC en Lugo, Carlos Herrero, a representante do Consello Galego de Cooperativas, Matilde Alonso, e a Directora da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, Esther Muñoz, presentaron dous concursos para o fomento dos valores do cooperativismo no Concello de Lugo.
A Concelleira resaltou que estas actividades son una mostra máis da colaboración entre as institucións da cidade, neste caso no campo do emprendemento, e de sensibilización do alumnado para achegalo á vida local.
Méndez explicou que o obxectivo destes certames é o de “promover entre a mocidade lucense a creación de empresas na forma xurídica de cooperativa e promover os valores de solidariedade e voluntariedade, valores positivos para a sociedade en xeral”.
O primeiro deles trátase dun concurso de fotografía que debe facer referencia ao cooperativismo e aos valores que o inspiran. Cada persoa poderá presentar unha obra realizada con cámara fotográfica ou teléfono móbil, que deberá ser presentada no Rexistro Xeral Municipal nun sobre pechado asinada con pseudónimo e cun sobre que inclúa os datos persoais do participante.
O gañador terá como premio unha cámara fotográfica profesional SONY DSCW290.
O segundo dos concursos pretende estimular e apoiar a comercialización de produtos e servizos cooperativos mediante propostas innovadoras de marketing que chamen a atención do potencial cliente e propicien a súa compra. Neste certame poderá participar o alumnado dos centros de ensino secundario, FP e da USC de Lugo de forma individual ou colectiva (cun máximo de 3 persoas por grupo).
O premio que obterá o gañador ou gañadores do concurso será un ordenador portátil Netboook.
O prazo para presentar os proxectos e as fotografías aos dous concursos estará aberto ata o 31 de outubro.
O xurado que seleccionará ao gañador dos concursos estará composto por un representante da Concellería de Economía e Emprego, un representante de Xuventude, un representante da Delegación Provincial do Consello Galego de Cooperativas, un representante da USC e un representante de Artes Aplicadas.
Descargar as
bases do concurso (PDF 1553 KB)
Compartir: