Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo defende a implicación cidadá e das administracións na construción e habitabilidade das cidades


# Martes, 29/09/2009
* José López Orozco inaugurou en Aranjuez a xornada formativa da FEMP ‘Nuevos usos del patrimonio: antiguos espacios, nuevos usos’

* Destaca que “se antolla imprescindible alumear un modelo de crecemento urbano sostible e viable en termos económicos e sociais”
* Salienta que o futuro da cidade pasa por acometer novos proxectos, ademais de “manter vivas as nosas potencialidades a través do noso patrimonio histórico e natural”


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou hoxe a importancia da participación e da implicación da cidadanía e das administracións na construción e habitabilidade das cidades. Así o expuxo en Aranjuez onde inaugurou a xornada formativa da FEMP Nuevos usos del patrimonio: antiguos espacios, nuevos usos.

“A cidade constrúese cada día e, polo tanto, a colaboración, a participación e a implicación da cidadanía na súa construción e na súa habitabilidade é fundamental e decisiva. Como o é, ao mesmo nivel, a implicación das administracións no desenvolvemento da cidade, na ordenación do territorio e na equiparación entre estes”, indicou.

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo, destacou a relevancia que ten a conservación do territorio, desde o punto de vista da fisionomía do mesmo, así como desde a perspectiva ambiental e sostible. Sen deixar de lado, tal e como subliñou, “a importancia dos novos usos que debe prestar o patrimonio para converterse en motor de progreso das cidades e do seu desenvolvemento”.

Así mesmo, López Orozco afirmou que o territorio é un recurso para o desenvolvemento, un vector estratéxico, un ingrediente imprescindible como recurso produtivo, como valor de competitividade dun país, dunha cidade. Así, explicou que “se antolla imprescindible alumear un modelo de crecemento urbano sostible e viable en termos económicos e sociais”.

Trátase, expuxo, “de crecer máis e mellor para o que convén medrar de forma ordenada, salvagardando como un tesouro o patrimonio natural, atendendo as peticións e usos que demandan os cidadáns do territorio asegurando, como valor fundamental, a continuidade e sustentabilidade do ben”.

“Debemos crear espazos e manter os que temos atendendo á legalidade urbanística, ambiental, o territorio, para respectarnos a nós mesmos e ao noso pasado mirando ao futuro con ollos de progreso”, remarcou.

Lugo, modelo de cidade do futuro
José López Orozco fixo un percorrido para os asistentes á xornada pola cidade de Lugo que puxo como modelo de cidade patrimonial “cuxo símbolo máis representativo é a Muralla”. En relación con futuro da cidade referiuse á construción da Nova Ponte, a Estación Intermodal ou a creación do MIHL. “O futuro da cidade pasa por acometer novos proxectos ademais de manter vivas as nosas potencialidades a través do noso patrimonio histórico e natural”, destacou.

Así mesmo, explicou que Lugo se ten desenvolvido tomando o patrimonio como un tesouro, “nunca como un impedimento”, para o que, sinalou, foi fundamental a participación e a complicidade cidadá, da sociedade civil.

Aposta polas cidades sostibles
O Alcalde de Lugo expuxo que a conservación do patrimonio natural debe ser unha tarefa “que nos implique a todos” co obxectivo de compatibilizar a conservación co desenvolvemento económico e social. “Porque como Alcalde sei que é posible conseguir un desenvolvemento económico fortalecido sen o menoscabo do noso patrimonio e da nosa riqueza natural”.

López Orozco destacou que no espazo urbano todo debe reinar en harmonía, conferindo novos usos aos espazos e preservando o territorio e o patrimonio. “Debemos ser capaces de lograr unha bicefalia que compatibilice progreso e conservación sen deixar de atender a ningún deles, senón alcanzando un tándem que permita expandir os espazos de riqueza e benestar sen hipotecar o futuro nin condenar a herdanza patrimonial”, concluíu.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova