Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno Local continúa co seu compromiso coa inserción social e laboral dos colectivos máis desfavorecidos


# Mércores, 30/09/2009
O Concello de Lugo e a Fundación do Secretariado Xitano asinaron un convenio para impartir un curso de informática básica no CEI


Imaxe Asociada
O Concello de Lugo continúa co seu compromiso coa inserción social e laboral de toda a cidadanía e, en especial, daqueles que atopan maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo. Por iso, desde hai tempo o equipo de Goberno ven poñendo en marcha diferentes programas para favorecer a inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos, e colaborando con asociacións e entidades sociais que traballan pola mellora das oportunidades para as persoas que máis o precisan.

Un exemplo desta política social do Concello é o Convenio de Colaboración asinado esta mañá pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Director Territorial da Fundación do Secretariado Xitano de Galicia, Santiago González Avión, para impartir un curso de informática básica.

O Concello porá á disposición da fundación a Sala Multimedia do Centro de Empresas e Innovación para levar a cabo esta actividade formativa de 100 horas entre o 1 e o 30 de outubro en horario de 15:30 a 20:30 horas. A Concelleira indicou que “continuamos coa nosa intención de abrir as portas do CEI, neste caso das instalacións punteiras para a formación nas novas tecnoloxías, como un paso para acadar a igualdade social”.

O Concello de Lugo colabora desde o ano 2003 coa Fundación do Secretariado Xitano no desenvolvemento do Programa de emprego Acceder. Esta Fundación é unha entidade social que pretende favorecer o acceso da poboación xitana á formación e ao emprego.

Outros programas de inserción
O convenio rubricado hoxe súmase aos proxectos postos en marcha polo Goberno local como son Lugo Contigo e Lugo Emprego Activo, iniciativas que pretenden a incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade, un dos colectivos que contan con máis dificultades para atopar traballo. Nas dúas edicións que se teñen celebrado Lugo Contigo contou coa participación de 50 persoas das que o 40% foron contratados.

Outro exemplo é Lugo, Cidade Próxima, un proxecto de inserción sociolaboral que está incluído dentro dos Programas Operativos para o fomento do emprego, subvencionado polo Fondo Social Europeo.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova