Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CONTINÚA A TRABALLAR NA PROMOCIÓN DO COMERCIO DO CENTRO DA CIDADE NO MARCO DO PLAN URBAN


1/10/2009 A Concelleira de Economía e Emprego participou hoxe na presentación da Guía de compras outono-inverno 09 de Lugocentrum

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participou esta mañá na presentación das actuacións promocionais da Guía de compras outono-inverno 09 realizada pola Asociación de Comerciantes Lugocentrum coa colaboración do Concello de Lugo.
O obxectivo perseguido con esta guía é o de promocionar e incentivar as vendas nos establecementos do centro da cidade, algo que o Concello está a potenciar tamén a través das axudas do proxecto URBAN.

A Concelleira indicou que “levamos máis de 9 meses traballando co Plan Urban e xa puxemos en marcha moitas das actuacións que inclúe e que supoñen unha inversión total de máis de 8 millóns de euros”.

Entre os proxectos que xa se están a levar a cabo están:

- A rehabilitación do vello cárcere que conta xa cos 5 seleccionados para presentar o anteproxecto antes do 8 de outubro.

- A peonalización e adecuación da praza e dos xardíns de San Marcos, para o que se abriu un novo prazo de presentación de propostas.

- A realización dun proxecto de intervención integral sobre a praza do Cantiño.

- Desde a concesión destes fondos europeos o Concello ven realizando unha ampla difusión das axudas e organizáronse diversas xuntanzas informativas nas que participaron uns 150 empresarios. Resolvéronse a primeira e a segunda fase das axudas das solicitudes presentadas e, ata o momento, concedéronse 20 axudas por un importe de preto de 49.000 euros.

- Estase a traballar na mellora da recollida selectiva de residuos. Estase a colaborar co servizo de medio ambiente para que os hostaleiros utilicen o servizo municipal de recollida selectiva e estase tramitando o contrato para a instalación de contentores soterrados de recollida selectiva por un importe de 200.000 euros.

Con todas estas accións, segundo explicou Méndez, “o Concello persegue a modernización e revitalización do centro histórico lucense e o seu comercio”.

www.lugo.es/urban