Imprimir

LÓPEZ OROZCO TRASLÁDALLE AO PRESIDENTE DA XUNTA QUE "SEMPRE ATOPARÁ AOS CIDADÁNS DE LUGO E AO SEU ALCALDE NO TRABALLO POR CONSEGUIR UNHA GALICIA MÁIS DESENVOLVIDA"


2/10/2009 * O Alcalde de Lugo participou na visita que Núñez Feijóo realizou ás instalacións do novo hospital

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, trasladoulle esta mañá ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que sempre atopará aos cidadáns de Lugo e ao seu Alcalde “no traballo por conseguir unha Galicia máis desenvolvida”. López Orozco participou na visita que o presidente da Xunta realizou ás instalacións do novo hospital na que estivo acompañado polo Presidente da Deputación de Lugo, a Conselleira de Sanidade e a Delegada Territorial, entre outras autoridades.

O Alcalde de Lugo manifestou a súa satisfacción por unha obra “desta factura” que se está facendo na cidade. Recordou que se trata dunha gran obra, que responde ao traballo de tres presidentes autonómicos e que contou coa colaboración do Concello de Lugo.

Neste sentido, destacou que o Concello de Lugo fixo unha aposta “clara e decidida” por este hospital. Así, o Executivo Local cedeu os terreos nos que hoxe se alza o inmoble e investiu preto de 7 millóns de euros no acondicionamento das infraestruturas que rodean o novo hospital.

López Orozco subliñou que desde o Concello de Lugo se aposta “pola colaboración e o compromiso” “porque apostando polas infraestruturas, polo equipamento do hospital, apostamos pola cidade e pola provincia e, o que é máis importante, expuxo, pola calidade de vida e a saúde dos cidadáns o que nos dará un Lugo e unha Galicia moderna”.

“As grandes obras prodúcense sempre coa colaboración, co traballo en común de todas as institucións e de todas as persoas”. “A Xunta sempre atopará esa cooperación porque nos fai máis desenvolvidos, máis modernos”, concluíu.