Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o sexto volume da colección San Froilán dos Devanceiros


# Mércores, 07/10/2009
A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán) é o título desta nova entrega

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura Concepción Burgo, presentaron o novo libro deste San Froilán 2009, A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán) obra dos escritores J. Luís Calvo e Yago Rodríguez Yánez, presentes tamén neste acto.

Conforma o libro número 6 da colección San Froilán dos Devanceiros da que tamén forman parte outros títulos: Emilia Pardo Bazán en Lugo, de Javier Serrano Alonso; A chegada a Lugo do primeiro tren, de Darío Xohán Cabana, O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo, de Fernando Arribas Arias, Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo, de Darío Xohán Cabana, e Pelúdez. O libro (1908-2008) por Antonio de Cora, Juan Ramón Somoza, Purificación de Cora, Xosé Trapero e Xosé de Cora.

A nova entrega da Colección contén uns 100 textos de 60 autores publicados ao longo do século XX e nos principios do XXI en libros e xornais. Trátase dun compendio de relatos, poemas e artigos literarios dalgúns dos grandes escritores galegos como Ánxel Fole, Manuel María ou Álvaro Cunqueiro, pero tamén doutros autores menos coñecidos.

Este volume convértese nunha colección das palabras dedicadas por moitos escritores ás festas de Lugo en verso e en prosa, en galego, en castelán e tamén en francés.

Os autores
J. Luís Calvo naceu o ano 1973 en Oviedo. Estudou Filoloxía Hispánica en Lugo, onde creou e dirixiu Evohé, Revista Cultural do Campus Lucense. Actualmente é profesor de Lingua Castelá e Literatura en Illescas (Toledo). Como poeta, publicou, en castelán La hija imperfecta (2000), e en galego un libro sobre Lugo, Definitivo territorio (2004), ademais dalgunha premiada incursión na narrativa breve. É tamén autor de ensaios sobre Lorenzo Varela e Antonio Gamoneda.

Yago Rodríguez Yáñez naceu en Lugo en 1980. Licenciado en Filoloxía Hispánica con Premio Extraordinario, doutorouse ós 25 anos en Filoloxía Inglesa cunha tese sobre John Keats. Actualmente é profesor de Lingua e Literatura Castelá en Monterroso, e dedícase asemade á investigación e ó ensino universitario no campus lucense. É autor de gran número de estudos e ensaios literarios en galego, francés, castelán e inglés, e ten publicado tamén poesía en varias revistas, entre elas a lucense Xistral.

Yago Rodríguez Yáñez e J. Luís Calvo colaboran habitualmente en estudos de carácter erudito e literario, e este é o terceiro libro que publican conxuntamente.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova